Rueda anuncia que a Xunta permite a tramitación dos dous primeiros parques eólicos que xerarán beneficios sociais e económicos no territorio por importe de máis de 15 M€ tras a aprobación da Lei de recursos naturais
Os parques Greco e Baro subministrarán enerxía a prezo competitivo á planta de produción de silicio metálico do Grupo Ferroatlántica en Sabón (A Coruña)
A súa instalación vén acompañada dun plan de acción que beneficiará os preto de 46.000 veciños de 17 concellos, desde descontos na factura da luz dun 30% para familias e pemes ata axudas e subvencións a centros de maiores
A sentenza do TXUE avala a política enerxética da Xunta pero, con independencia desta resolución, o Goberno galego non estivo parado, senón que adoptou medidas para garantir a seguridade xurídica e o desenvolvemento eólico
En Galicia hai na actualidade 193 parques eólicos a funcionar, que suman 4.020,9 MW, e 92 parques autorizados e paralizados xudicialmente con máis de 2.497 MW
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta aprobou hoxe declarar os parques Baro e Greco proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, o que permitirá a súa execución fóra das áreas de desenvolvemento enerxético (ADE). A súa construción fará posible subministrar enerxía verde e competitiva á fábrica de silicio metal en Sabón (A Coruña) e serán os primeiros parques que xerarán beneficios socioeconómicos de forma directa no noso territorio, tal e como determina a Lei de promoción de dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, máis coñecida como Lei de recursos naturais.
Desde a súa entrada en vigor, o 1 de xaneiro de 2025, a Lei de recursos naturais marca a política enerxética e industrial de Galicia e garante que calquera proxecto, ademais de ser ambientalmente viable, debe asegurar a xeración de riqueza social e económica na zona onde se implante.
Así mesmo, a sentenza ditada o pasado venres, 1 de agosto, pola sala décima do Tribunal de Xustiza da UE (TXUE), avala a tramitación dos parques en Galicia, lembra a importancia de dar axilidade aos procedementos de concesión de autorizacións que afectan o despregamento dás enerxías renovables e infraestruturas conexas e está en plena sintonía coa política enerxética da Xunta de Galicia, “de xeito xusto, ordenado e gradual”, tal e como o destacou Alfonso Rueda.
Pero, con independencia desta resolución, “a Xunta nunca se quedou parada”, senón que adoptou medidas tanto para garantir a seguridade xurídica do desenvolvemento eólico como para acadar que estes proxectos teñan repercusión social e económica na nosa Comunidade, nos nosos concellos e, especialmente, na cidadanía galega. Actualmente, hai 193 parques eólicos a funcionar, que suman 4.020,9 MW, e 92 autorizados e paralizados xudicialmente, que suman máis de 2.497 MW de potencia.
Primeira declaración de excepcionalidade
Así, os parques de Baro e Greco, de tramitación estatal, son os primeiros exemplos desta política enerxética en beneficio da cidadanía e da industria. Sen esta declaración de excepcionalidade non se poderían tramitar e inclúen medidas de impacto social e económico na contorna onde se implantarán; esta é a primeira declaración de excepcionalidade que se realiza dende a entrada en vigor da Lei de recursos naturais.
Según destacou o presidente, “estes parques poderán instalarse e isto supón unha serie de obrigas”. Impulsados por Villar Mir Energía (VME), o promotor deberá cumprir unha serie de requisitos para instalarse en Galicia, entre eles, que a subministración de enerxía incluída no contrato ou contratos de compravenda de enerxía (PPA) supoña, polo menos, o 80 % da enerxía producida. Estímase que os aforros na factura eléctrica ao longo da vida dos contratos PPA (10 anos) superaría os 13 millóns de euros, o que facilitaría a competitividade da planta.
Así mesmo, os parques veñen acompañados por primeira vez, e tal e como determina a Lei de recursos naturais, dun plan de medidas socioeconómicas, neste caso, dirixido aos preto de 46.000 habitantes dos 17 concellos onde está prevista a implantación das infraestruturas.
Rebaixas de entre 150 e 300 euros/ano
No parque de Baro, as medidas beneficiarán sete municipios da provincia de Lugo: Castro de Rei, Lourenzá, Meira, Mondoñedo, A Pastoriza, Pol e Riotorto, mentres que no proxecto Greco serán un total de dez concellos: seis en Pontevedra (A Cañiza, Cerdedo Cotobade, O Covelo, Fornelos de Montes, A Lama e Ponte Caldelas) e catro na provincia de Ourense: Avión, Beariz, Carballeda de Avia e Melón.
O plan de medidas socioeconómicas ten un importe estimado de 15,2 millóns de euros e inclúe, entre outras vantaxes, “un aforro de costes importante”, con descontos anuais na factura de luz e gas para os veciños e veciñas e tamén para as pequenas e medianas empresas asentadas nestes territorios. Os descontos poden chegar ata os 300 euros.
Ademais, o plan contempla a posibilidade de participación no proxecto, cun 5% de interese anual, así como un desconto en instalacións de autoconsumo solar do 20% nun prazo de 5 anos, ou créditos a tipo de interese cero para iniciativas empresariais de ata 50.000 euros, entre outras medidas.
Así mesmo, na construción dos parques, o promotor deberá priorizar a contratación de man de obra local e fomentar da inserción laboral de mulleres e persoas mozas. A concesión de créditos a tipos de xuro cero para iniciativas empresariais é outra das accións previstas.
Deste modo, as novas excepcionalidades autorízanse con base nas medidas derivadas de compromisos do promotor co territorio e forman parte da política enerxética da Xunta, que incorpora, ademais, outras como a repotenciación, que nos próximos anos permitirá reducir nun 80% o número de aeroxeradores en Galicia e pasar de 3.000 a uns 600 muíños.