A Xunta activou este ano 17,4 M€ en liñas de axuda para promover a eficiencia enerxética entre empresas e particulares

A Xunta activou este ano 17,4 M€ en liñas de axuda para promover a eficiencia enerxética entre empresas e particulares

Son apoios para o sector agrícola primario; para instalacións de uso térmico no ámbito residencial non urbano; para enerxía fotovoltaica en empresas; e para melloras de eficiencia enerxética en pemes ou por parte autónomos, que aínda se pode solicitar

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), activou este ano 17,4 millóns de euros en diferente liñas de axuda para promover a eficiencia enerxética entre empresas e particulares.

Nunha visita ás II Xornadas Multisectoriais Ferrexpo 2026, Lorenzana lembrou que este paquete de apoios consta de axudas para o sector agrícola primario; para instalacións de uso térmico no ámbito residencial non urbano; para enerxía fotovoltaica en empresas; e para melloras de eficiencia enerxética en pemes ou por parte autónomos, que é a que aínda está aberta ata o 15 de setembro por importe de 7,5 millóns de euros.

Lorenzana destacou a necesidade de promover todo un conxunto de hábitos, medidas e valores compartidos orientados a optimizar o consumo de enerxía; a maximizar o rendemento enerxético nos fogares, nas empresas, na industria e no sector público co menor gasto posible. “É un dos obxectivos finais da nosa política enerxética: que os galegos poidan chegar a pagar menos polo que consumimos de electricidade”, dixo.

Sobre Ferrexpo, organizada polo Grupo Ferrecal e que se celebra hoxe e mañá no Polígono do Tambre, salientou que é unha feira que  reflicte o extensa que é a cadea de valor do sector en Galicia e que serve como punto de encontro entre pemes, fabricantes, distribuidores, instaladores e provedores de referencia no mercado nacional e internacional.

Últimas novas