Rueda destaca a capacidade de Galicia para adaptarse aos novos retos globais e de atraer novos investimentos como o da multinacional SAIC
Subliña que a compañía chinesa —que prevé nunha primeira fase a creación de 2.300 empregos e un investimento de arredor de 200 M€— puido decidirse por Galicia grazas á “estabilidade política e a aposta con firmeza polo que nos fai crecer”
Pon en valor o diálogo e a vontade de consenso como ferramentas para chegar a acordos por riba das diferenzas políticas
Defende a necesidade dunha política de vivenda útil e eficaz, como a que está poñendo en marcha a Xunta co compromiso de duplicar o parque público de fogares
Sinala que “en cada crise ten que haber unha oportunidade” e lembra que a Comunidade se está posicionando en sectores como o aeroespacial, a defensa ou a minería
Reivindica a sanidade galega como un sistema punteiro e á vangarda, con fitos como o futuro centro de protonterapia
Lamenta a incapacidade do Goberno central para chegar a un acordo que pare as folgas contra o Estatuto Marco que rexeitan os médicos
Reitera que o financiamento autonómico debe estar consensuado entre todas as comunidades autónomas, fronte ás negociacións bilaterais que propón o Goberno central
Ribadeo (Lugo), 5 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que Galicia está preparada para adaptarse ás novas transformacións e retos que se presentan no escenario global. Esta capacidade, xunto coa súa estabilidade e ecosistema industrial, permítelle, ademais, ser quen de atraer novos investimentos ao territorio, como o anunciado recentemente pola multinacional chinesa SAIC que suporá, nunha primeira fase, a creación duns 2.300 empregos e un investimento de arredor de 200 millóns de euros.
No foro Encontros no Eo, durante o que mantivo unha conversa co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, Rueda apuntou que a compañía chinesa puido decidirse grazas a que “veu a estabilidade política e a aposta con firmeza polo que nos fai crecer”.
Neste contexto, o responsable do Executivo autonómico resaltou a boa marcha da economía galega e a aposta por sectores emerxentes e de futuro, como as enerxías renovables, nas que Galicia ten un gran potencial. Ao respecto, sinalou que é o momento de “ser valentes e empezar xa o desenvolvemento” da eólica mariña off shore, sempre desde o “absoluto respecto ao noso sector primario”.
O presidente galego sinalou que “en cada crise ten que haber unha oportunidade” e lembrou que Galicia se está posicionando en sectores como o aeroespacial, a defensa ou a minería, recordando que na Comunidade “temos case a metade dos minerais que a Unión Europea considera estratéxicos”. Rueda apostou por explotar estes recursos “con sentidiño, respecto ao medio ambiente e á xente que vive onde están eses xacementos, que son os primeiros que teñen que verse beneficiados”.
Do mesmo xeito, Rueda puxo en valor o diálogo e a vontade de consenso como ferramentas para ser quen de chegar a acordos por riba das diferenzas políticas. Neste eido, sinalou que o financiamento autonómico debe estar consensuado entre todas as comunidades. O responsable do Goberno galego rexeitou o “divide e vencerás” e as negociacións bilaterais do Goberno central, que presentou unha proposta de financiamento autonómico na que, tal e como subliñou Rueda, baixa moito o peso da dispersión poboacional e do envellecemento no reparto dos fondos.
En materia de vivenda, o presidente galego apelou á necesidade de habilitar políticas útiles e reais, tal e como está facendo a Xunta, que xa ten en marcha as 4.000 vivendas públicas que comprometera para 2028 para cumprir o obxectivo de duplicar o parque público de fogares. “Xa vamos entregar este ano as primeiras”, anunciou.
E fronte a políticas demagóxicas, apuntou que “o máis directo que podes facer é poñerte a facer vivenda: non pode ser a única solución, pero si parte da solución”. Así, subliñou a aposta da Xunta pola rehabilitación, as baixadas na fiscalidade, os cambios normativos, ou o apoio aos construtores para que promovan vivenda a prezo social. Do mesmo xeito apuntou á necesidade de que os propietarios conten con seguridade xurídica para que aposten por ofrecer as súas vivendas en alugueiro.
No ámbito sanitario, lamentou a incapacidade do Goberno central de chegar a un acordo cos médicos para parar as folgas contra o Estatuto Marco, que están repercutindo na atención dos pacientes (e que en Galicia causaron xa a suspensión de case 245.000 actos asistenciais). Pese a isto, reivindicou a sanidade galega como un sistema punteiro e de vangarda, con fitos como o futuro centro de protonterapia: o primeiro que abrirá na sanidade pública.
Pediu tamén non cuestionar sectores que son fundamentais para Galicia como o turismo e que, ao seu xuízo, son sustentables e teñen aínda capacidade de crecemento. Neste ámbito, Rueda incidiu en que a Xunta aposta por un turismo de calidade, pola desestacionalización e pola diversificación de destinos.