A Xunta pon en valor a implicación do tecido empresarial coruñés para dar o salto definitivo á mobilidade eléctrica
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na presentación da IV Feira do Automóbil en Agrela, que se celebrará na Coruña os vindeiros 13, 14 e 15 de xuño
A Coruña, 2 de xuño de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurou esta mañá que Galicia é un referente no eido das políticas activas dirixidas á mobilidade eléctrica. “Declaramos o sector da automoción como estratéxico, activamos un plan de axudas dotado con máis de 230 millóns de euros para apoiar ao sector os próximos anos e impulsamos o programa Renova o teu vehículo, que axudou a que os datos de matriculacións nos catro primeiros meses do ano en Galicia tiveran un repunte do 25%, tres veces máis que a media nacional”, subliñou.
Fernández Vila participou hoxe no acto de presentación da IV Feira do Automóbil en Agrela, que se vai desenvolver na Coruña os vindeiros 13, 14 e 15 de xuño. Alí puxo en valor o traballo que está a levar a cabo a Asociación de Empresarios de Agrela para impulsar iniciativas que axuden a dinamizar e favorecer a mellora competitiva das empresas asentadas no polígono herculino e, máis concretamente, aquelas dirixidas á descarbonización da economía.
“Calquera iniciativa que axude a mobilizar a economía e o sector da automoción é algo positivo, e por iso estamos convencidos que esta nova edición da feira do automóbil vai ser todo un éxito”, sinalou o director xeral ao tempo que lembrou que no evento tomarán parte preto dunha decena de concesionarios asentados na contorna do polígono industrial, aos que tamén agradeceu a súa participación.
Finalmente, o director xeral asegurou que a transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada seguirá sendo un dos eixos fundamentais do Goberno galego a través de medidas como o fomento do uso de fontes de enerxía renovable no transporte, a renovación do propio parque móbil da administración, o impulso ao vehículo eléctrico ou a promoción da mobilidade eficiente e sustentable.