Rueda aposta por seguir impulsando o despregamento eólico para manter o liderado de Galicia no sector
Pon en valor os investimentos feitos na comunidade neste sector, e salienta a importancia de apoialos
A repotenciación dos parques permitirá eliminar ata o 80% dos muíños instalados no territorio
Oroso (A Coruña), 27 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o compromiso da Administración autonómica por seguir impulsando o despregamento eólico na comunidade autónoma, co obxectivo de manter o liderado de Galicia neste sector: “Hai que poñer en valor o ben que se fan aquí as cousas. Aquí, nun recuncho de España e de Europa, fanse traballos de moita precisión. E hai moita xente de moitas partes do mundo que decide que este é o lugar no que ten que confiar os seus investimentos e os seus negocios. Iso fala moi ben do traballo que facemos”, resaltou.
Así o sinalou hoxe tras visitar a planta de reparación de compoñentes eólicos que a empresa Siemens Gamesa ten en Sigüeiro, no concello de Oroso, xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. No acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Siemens Gamesa en España, Kerman Gabiola, inaugurouse un novo banco de probas, executado integramente en Galicia, que servirá para garantir a máxima calidade nos procesos de reparación desta fábrica: “Quen inviste é porque, primeiro, quere consolidar o que xa ten. E, segundo, porque quere seguir medrando. Sempre que alguén decide investir en Galicia nós temos que celebralo e apoialo”, destacou o presidente.
Rueda fixo fincapé en que, segundo apuntan os últimos informes do sector eólico, Galicia é líder en número de centros produtivos e empresas especializadas, ademais de nas cifras de emprego. En concreto, o sector xera na comunidade uns 5.000 postos de traballo, entre directos e indirectos: “Agradezo moitísimo a aposta de Siemens-Gamesa, o voso traballo, e pídovos que nos axudedes a que entre todos consigamos que Galicia non perda a posición punteira que tivo no sector eólico”, apuntou Rueda.
Para manter este liderado, a Xunta está a poñer en marcha un amplo abano de medidas. Entre outras, a Lei de recursos naturais, que garante que boa parte dos beneficios da terra e do vento queden en Galicia; o novo plan sectorial eólico, que se empeza a tramitar este ano e que, entre outras novidades, pretende dar máis seguridade xurídica; ou o impulso á eólica mariña, un segmento con moita proxección futura.
O presidente tamén puxo en valor o proceso de repotenciación que está impulsando o Goberno galego, que ten como obxectivo xerar máis produción con menor impacto no medio ambiente. Neste sentido, precisou que se prevé eliminar ata o 80% dos muíños grazas á instalación doutros aeroxeradores máis modernos, potentes e eficientes. Nos últimos meses presentáronse sete novas solicitudes de repotenciación, que se suman ás outras nove que se tramitaron entre 2024 e 2025: ”Nós temos o noso propio petróleo na auga e no vento. E sería absurdo que non intentásemos utilizalo”, remarcou Rueda.
Por último, o titular do Executivo galego lamentou o bloqueo xudicial ao que está sometido o sector e que está dificultando o despregamento dunha enerxía que contribuiría de forma decidida á transición verde, grazas á redución de emisións contaminantes, e ao impulso da industria galega, a través da subministración de enerxía limpa e barata: “Todos teñen dereito a competir, pero nós tamén. E se temos iso claro, e o defendemos con rigor, seguro que nos irá ben”, rematou o presidente.