Rueda centra a súa primeira xornada en China en reforzar e explorar novas relacións comerciais e económicas no sector da automoción
Visita varias factorías de loxística, compoñentes ou baterías e mantén un encontro coa directiva de SAIC Motors, un dos principais fabricantes chineses
O obxectivo é atraer novos investimentos nun sector no que Galicia é referente a nivel europeo con 250 empresas e 24.000 postos de traballo
Pekín (China), 23 de abril de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, centrou a primeira xornada da súa viaxe oficial a China en reforzar e explorar novas relacións comerciais e económicas co país asiático no sector da automoción a través da visita a diferentes factorías e un encontro con representantes de SAIC Motors.
Rueda, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou pola mañá un centro de innovación vencellado á automoción así como varias empresas relacionadas coa loxística (Anji) ou os compoñentes (Hasco), todas elas ubicadas na cidade de Shanghái.
Ademais, a delegación galega, mantivo en Pekín unha reunión de traballo co presidente de SAIC Motors, Xiaoqiu Wang, e outros cargos directivos da compañía, unha gran empresa automobilística a nivel mundial e un dos principais fabricantes de China.
O obxectivo, tal e como explicou o presidente, é explorar novas oportunidades de negocio e atraer “posibilidades e investimentos” a Galicia nun sector no que a comunidade xa é un referente a nivel europeo e conta coa “fábrica de automóbil máis produtiva de España”. A este respecto, Galicia ten 250 empresas vencelladas ao mundo da automoción, un eido que da emprego a 24.000 traballadores e que representa o 15,5 % do PIB autonómico.
Rueda trasladou as compañías chinesas a experiencia que ten Galicia neste eido así como a posición xeográfica estratéxica -que brinda unha gran conectividade a través dos portos-. Tamén a estabilidade política e económica que ofrece a comunidade e a gran aposta que realiza a Xunta por apoiar e facilitar os investimentos de proxectos estratéxicos en territorio galego.