Rueda destaca a aposta da Xunta por un sector mineiro moderno, sostible e estratéxico para o territorio

Rueda destaca a aposta da Xunta por un sector mineiro moderno, sostible e estratéxico para o territorio

Asegura que o obxectivo do Executivo autonómico “é converter Galicia nun dos epicentros da minaría moderna”

Salienta o potencial da comunidade na explotación de minerais críticos ao albergar máis da metade das materias primas deste tipo identificadas pola EU

Un estudo realizado no marco dunha colaboración coa Universidade de Santiago revela que o valor económico mineiro da comunidade pode acadar os 45.000 M€

A Xunta poñerá en marcha no 2026 un Plan para reforzar as inspeccións no sector mineiro e garantir a saúde laboral dos traballadores

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a aposta do Goberno autonómico por impulsar un sector mineiro moderno, sostible e estratéxico para o territorio. “Queremos converter Galicia nun dos epicentros da produción mineira moderna, tanto ás explotacións tradicionais adaptadas aos novos tempos coma ás dos minerais do futuro”, indicou.

Durante a súa intervención no acto de celebración do centenario da Cámara Oficinal de Minaría de Galicia, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, Rueda lembrou que Galicia xa é unha das comunidades con maior peso da actividade mineira ao concentrar case o 10% da produción a nivel nacional, “ser a segunda autonomía con maior número de empregos” neste eido ou liderar a extracción de pedra natural en España.

Nesta liña, o presidente lembrou o peso da minaría na economía galega. “Se a minaría lle vai ben, a Galicia lle vai ben”, resaltou para asegurar que “os minerais galegos” son un bo exemplo “do que significa Galicia Calidade”.

Ademais, o presidente fixo fincapé no potencial que ten Galicia na explotación dos minerais críticos, fundamentais para sectores estratéxicos coma a tecnoloxía, as ferramentas dixitais, a automoción ou as enerxías renovables. “Os minerais van ser imprescindibles sempre. Para manter moitas das cousas ou servizos dos que dispoñemos se necesitan as explotacións mineiras. A tecnoloxía pode avanzar pero sempre será necesaria unha base mineral”, explicou.

Un estudo realizado no marco dunha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) destaca o potencial da comunidade galega neste eido ao contar con 18 dos 34 minerais identificados coma críticos pola Unión Europeo. O informe -baseado na análise de 12.847 mostras xeoquímicas rexionais tomadas polo Instituto Geológico y Minero de España en 127 zonas prospectivas prioritarias de Galicia- revela ademais que o valor mineiro económico da comunidade se sitúa entre os 25.000 e 45.000 millóns de euros.

Rueda aposta pola colaboración público-privada para impulsar o sector mineiro galego, promover que todo o proceso -desde a extracción das materias primas ata a obtención do produto final- se realice en Galicia e garantir que os traballadores desenvolven as súa actividade con total seguridade.

Lei de recursos naturais

Nesta liña, o presidente resaltou a Lei de recursos naturais de Galicia que busca que a riqueza que produce a xestión do vento, a auga ou os minerais que hai en territorio galego quede na comunidade e se traduza en melloras para os veciños e veciñas da contorna destes proxectos. “Unha Lei que facilita as explotacións mineiras rendibles e sostibles”, indicou.

Ademais, a Xunta ten en marcha a Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia e o vindeiro ano poñerá en marcha un Plan de inspección mineira que regulará a realización de visitas ás instalacións da comunidade para avaliar o seu estado respecto ao proxecto inicial. Unha medida que se enmarca na Estratexia de seguridade industrial que busca garantir a saúde laboral e as máximas condicións de seguridade nas explotacións mineiras.

Últimas novas