Rueda explora en China vías de colaboración con Goldwind para impulsar as enerxías renovables e a repotenciación de parques en Galicia

Rueda explora en China vías de colaboración con Goldwind para impulsar as enerxías renovables e a repotenciación de parques en Galicia

Presenta á Comunidade como un socio estratéxico que reúne as características necesarias para a implantación da compañía en Europa

Destaca a posición de Galicia na produción eólica e que a potencia instalada permite que, xunto coa hidráulica, as enerxías renovables cubran xa o 84% do mix eléctrico galego

Sinala o Plan de repotenciación como unha oportunidade inmediata para a cooperación tecnolóxica, que permitirá producir un 35% máis de enerxía con menos aeroxeradores

Convida á firma asiática a visitar a comunidade para coñecer de primeira man os polos de innovación e os proxectos postos en marcha e seguir explorando así posibles vías de colaboración

Pekín (China), 24 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro con representantes da empresa Goldwind, onde explorou novas vías de colaboración para que a multinacional chinesa participe no despregue ordenado das enerxías renovables en Galicia. Durante a reunión, o titular do Goberno galego presentou á comunidade como un socio estratéxico que reúne as características necesarias para a implantación da compañía en Europa.

Rueda, que estivo acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que Galicia é a terceira rexión de España en produción eólica, contando a día de hoxe con máis de 4.000 megavatios instalados, 200 parques en funcionamento e unha xeración que supón o 38,4% da electricidade producida na comunidade. Segundo destacou, a potencia instalada permite que, xunto coa hidráulica, as enerxías renovables cubran xa o 84% do mix eléctrico galego.

Así mesmo, incidiu no feito de que a rexión conte coa primeira norma autonómica do país, referíndose á Lei do Clima, que fixa por lei a neutralidade climática en 2040, adiantándose nunha década aos obxectivos de España e da Unión Europea.

Oportunidades na repotenciación e a eólica mariña

Con vistas a una posible sinerxía, o presidente explicou o Plan de repotenciación da Xunta, que prevé actuar nos 25 parques de maior antigüidade para retirar 800 aeroxeradores e substituílos por modelos máis eficientes, deixándoos nunha media de 120. Así, Rueda, destacou que esta é unha área de colaboración inmediata con empresas como Goldwind pola súa madurez tecnolóxica.

O titular da Xunta defendeu tamén na reunión que Galicia ofrece un ecosistema de "estabilidade política e seguridade xurídica" para os investidores. Neste sentido, mencionou ferramentas como as Zonas de Aceleración de Proxectos ou a sociedade Recursos de Galicia (RDG), a través da cal o Goberno autonómico participa directamente na promoción e financiamento de proxectos enerxéticos.

Finalmente, Rueda convidou formalmente aos directivos da compañía a visitar Galicia para coñecer de primeira man os polos de innovación e os proxectos postos en marcha na comunidade e seguir explorando así posibles vías de colaboración.

Últimas novas