Rueda fai un balance positivo da viaxe a China, na que se puxo de relevo que “investir na nosa terra é unha moi boa idea”

Rueda fai un balance positivo da viaxe a China, na que se puxo de relevo que “investir na nosa terra é unha moi boa idea”

Amósase “satisfeito” tras consolidar contactos estratéxicos na automoción, o turismo e as renovables

No eido enerxético, reivindica que o sector eólico “é un ámbito no que Galicia ten un enorme potencial”

A delegación galega mantivo encontros con operadores turísticos para promocionar o Xacobeo 2027 como un evento que “vai ser histórico"

Pekín (China), 26 de abril de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, concluíu a súa viaxe oficial a China tras unha intensa axenda de traballo centrada en posicionar a Galicia como un destino preferente para o investimento industrial e o turismo internacional. Horas antes de partir desde Pekín cara á comunidade, o titular do Executivo autonómico fixo un balance positivo da viaxe e amosouse "satisfeito" polos contactos establecidos durante estes días, que permitiron poñer de relevo “que investir en Galicia é unha moi boa idea", e indicou que “agora por suposto teñen que seguir”.

Un dos eixes centrais da viaxe, na que Rueda estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, foron as reunións con empresas líderes no sector da automoción como SAIC Motors. O titular do Goberno galego trasladou aos directivos chineses as vantaxes competitivas de Galicia, destacando a solvencia da industria auxiliar e a estabilidade institucional como piares para atraer novos proxectos.

A axenda tamén incluíu unha xuntanza coa empresa Goldwind sobre enerxías renovables, un ámbito no que a Comunidade aspira a ser líder grazas ao seu potencial hídrico e eólico, que é “un ámbito no que Galicia ten un enorme potencial”.

Proxección do Xacobeo 2027

No eido turístico, a delegación galega mantivo estes días encontros con importantes operadores do país asiático. O obxectivo prioritario foi reforzar Galicia como destino e, de xeito especial, promocionar o Xacobeo 2027, do cal o presidente destacou que vai ser un fito “histórico”.

Últimas novas