Rueda lamenta que a conferencia de presidentes serviu para que o goberno central tivese a súa “foto” pero os galegos marchan dela sen nada

Rueda lamenta que a conferencia de presidentes serviu para que o goberno central tivese a súa “foto” pero os galegos marchan dela sen nada

Sinala que non renuncia a chegar a acordos en materia de vivenda no caso de que o Goberno cumpra que a achega autonómica se dedique ás prioridades que estableza cada comunidade e se aumente o prazo de 4 a 6 anos para poder planificar a longo prazo

Reitera a solicitude da cesión á Xunta de todas as vivendas da Sareb en condicións de habitabilidade para convertelas en vivendas públicas

Subliña a necesidade de que as comunidades autónomas reciban as entregas a conta e defende a necesidade dun novo modelo de financiamento

Demanda o cofinanciamento ao 50% entre a Administración autonómica e a estatal dos servizos e prestacións da dependencia

Pide cambiar a planificación enerxética para impedir que haxa proxectos industriais que teñan dificultades para instalarse nos territorios

Barcelona, 6 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou hoxe que a XXVIII Conferencia de Presidentes Autonómicos servise para que o Goberno central tivese a súa “foto” pero da que os galegos marchan sen nada.

Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación posterior á celebración da Conferencia, Rueda realizou unha valoración xeral da reunión, sinalando que antes do comezo consideraba que había “posibilidades de chegar a acordos” que non se produciron.

Segundo sinalou o presidente, o motivo foi que o Goberno central non quixo someter a votación as propostas realizadas polas comunidades autónomas, polo que marcharon da reunión “sen expectativas” en ningún asunto.

Man tendida en vivenda

En materia de vivenda, Rueda sinalou que “non renuncia” a chegar a acordos en torno ás propostas do Goberno de España sempre que se cumpra con que se dedique ás prioridades que estableza cada comunidade autónoma e se “aumente o prazo” de 4 a 6 anos para poder planificar a longo prazo.

Ademais o titular do Executivo galego solicitou ao Presidente do Goberno tanto que ceda á Xunta todas aquelas vivendas da Sareb que sexan habitables, en situación legal e estean en zonas onde exista demanda para convertelas en vivendas públicas, como que corrixa as “medidas contraproducentes” para activar o mercado da vivenda, protexendo aos inquilinos e reducindo a presión fiscal.

Nesta liña, lembrou que medidas en vivenda que agora propón o Goberno central, como a promoción pública de vivendas protexidas ou a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, xa hai meses que foron implantadas pola Xunta

Novo modelo de financiamento

En canto ao financiamento autonómico, o presidente destacou a entrega ao Presidente do Goberno dun texto xa articulado dun Real Decreto Lei para a súa aprobación no Congreso que provoque que as comunidades autónomas reciban as entregas a conta e o pago dos correspondentes intereses, algo que depende da vontade política do Goberno central

Ademais, o titular do Executivo galego rexeitou o financiamento singular “máis aló do que está establecido na Constitución”, apuntando que se debe “negociar o de todos entre todos”. Neste sentido, salientou que non se pode falar de mutualización da débeda se non vai aparellada de financiación e subliñou a necesidade dun “novo modelo de financiamento” para as comunidades autónomas.

Coordinación en materia migratoria

En canto á política de fronteiras, Rueda salientou a importancia da coordinación co Goberno central para axudar a “iniciar unha nova vida” aos migrantes, e destacou que Galicia é unha terra de acollida. Neste sentido, subliñou a existencia dos programas de retorno dos galegos na diáspora, cidadáns que viven con normalidade e integrados.

Ademais, o titular do Goberno galego salientou que a situación dos menores non acompañados en España debía terse tratado  na Conferencia para que sexan “atendidos convenientemente".

Demandas en sanidade e dependencia

No que respecta á sanidade, o presidente incidiu nas competencias do Goberno central na materia e salientou a importancia de que se aumente a capacidade das comunidades de contar con máis profesionais de atención primaria, aumentar a idade de xubilación nas especialidades máis deficitarias e desbloquear a homologación dos títulos estranxeiros.

Ademais, en materia de dependencia, Rueda demandou que o Goberno de España cumpra coa Lei de dependencia acadando canto antes o esixido cofinanciamento ao 50% entre a Administración autonómica e a estatal dos servizos e prestacións da dependencia, algo que non está a suceder nun contexto nos que os recursos económicos precisos son cada vez maiores.

Universalidade da educación infantil

O presidente celebrou que en materia educativa o Goberno central vaia colaborar coas comunidades autónomas para financiar os custes de estender o dereito á educación infantil de 0 a 3 anos, algo que en Galicia xa é universal.

Ademais, reclamou tanto que o Estado cumpra a Lei de financiamento das comunidades autónomas e financie os custes da implantación das súas leis educativas, algo que a Galicia lle supón 100 millóns de euros ao ano, como que axilice a homologación dos títulos estranxeiros.

Infraestruturas enerxéticas e ferroviarias

En materia de infraestruturas enerxéticas, Rueda demandou cambiar a súa planificación para impedir que haxa “proxectos industriais cuxo principal problema sexa a subministración eléctrica” e que teñan dificultades para instalarse nos territorios.

Tamén referiuse ás necesidades ferroviarias non cubertas na nosa comunidade, como a reforma do Eixo Atlántico ou compromiso que existe para acadar a conexión de alta velocidade con Portugal para o ano 2030.

Últimas novas