Villaverde destaca a importancia da auditoría enerxética de recursos de Galicia nos portos para a transición enerxética e a descarbonización
A conselleira do Mar puxo en valor en Ribadeo este traballo que permitirá coñecer o potencial da implantación de renovables nos peiraos autonómicos e facilitará o aforro e o autoconsumo
Ribadeo (Lugo), 13 de febreiro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou hoxe en Ribadeo a importancia da auditoría enerxética que Recursos de Galicia, en colaboración coa Xunta, está a impulsar entre as entidades asentadas nos portos autonómicos e nos polígonos industriais galegos, unha iniciativa clave para avanzar na transición enerxética e na descarbonización da actividade económica vinculada ao mar.
A responsable autonómica, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, visitou o porto ribadense, un dos enclaves con maior actividade loxística e comercial do sistema portuario autonómico, onde puxo en valor este traballo orientado a coñecer o potencial de implantación de enerxías renovables nestes espazos e a facilitar o aforro enerxético e o autoconsumo.
No marco desta xornada, Villaverde realizou unha visita ás instalacións do Grupo Nogar, empresa referente no ámbito da loxística portuaria e da manipulación de mercadorías, co obxectivo de coñecer de primeira man a súa actividade e analizar, xunto cos seus responsables, o papel das empresas asentadas nos portos na implantación de medidas de eficiencia enerxética. Esta visita permitiu tamén avanzar na recollida de información necesaria para a auditoría enerxética e sensibilizar ao tecido empresarial sobre as oportunidades que ofrece esta iniciativa para reducir custos, mellorar a competitividade e avanzar cara a modelos produtivos máis sostibles.
A conselleira reafirmou o compromiso do ente público co impulso das enerxías limpas nas contornas portuarias e lembrou que esta auditoría, desenvolvida pola Xunta a través das consellerías do Mar e de Economía e Industria xunto coa sociedade público-privada Recursos de Galicia, permitirá obter unha radiografía detallada da situación enerxética dos 122 portos autonómicos e dos polígonos industriais da comunidade.
Villaverde subliñou que a análise dos datos enerxéticos resulta especialmente relevante no caso dos portos, espazos que contan con consumos e equipamentos característicos, como grúas, palas cargadoras ou sistemas de transporte de mercadorías, que requiren solucións específicas para mellorar a eficiencia e reducir a pegada ambiental.
Estratexia Azul
A titular de Mar lembrou ademais que esta actuación constitúe unha ferramenta de especial utilidade para avanzar nos obxectivos da Estratexia Azul de Galicia, á que a Xunta destina 115 millóns de euros para impulsar a sustentabilidade ambiental e social da actividade marítimo-pesqueira. A auditoría enerxética pretende contribuír á redución dos custos enerxéticos, á descarbonización dos sectores produtivos galegos e á promoción do autoconsumo nos portos e nos polígonos industriais.
A campaña informativa diríxese ás principais entidades portuarias, entre elas confrarías de pescadores, clubs náuticos, mariñas e empresas con alto consumo enerxético. Na fase actual estanse a desenvolver reunións técnicas e informativas coas entidades interesadas para a recollida de datos, proceso para o que xa está habilitada unha plataforma dixital avanzada que ofrece asesoramento gratuíto aos usuarios para reducir a súa factura enerxética.
Esta iniciativa desenvolverase durante doce meses e incluirá a análise das infraestruturas enerxéticas existentes, o inventario dos recursos renovables dispoñibles, a identificación de superficies aptas para a instalación de sistemas de xeración de enerxía limpa e o estudo da mobilidade das frotas. A partir desta información elaborarase un informe individualizado para cada participante con propostas de autoconsumo renovable, almacenamento enerxético, mellora da eficiencia nos procesos industriais e optimización da mobilidade.