A Xunta abre mañá o prazo para as axudas a proxectos de fotovoltaica en empresas e administracións locais

O DOG publica as bases da convocatoria que se tramitará en réxime de concorrencia competitiva e que contará con 5,5 M€ de orzamento
O obxectivo é seguir fomentando o uso de enerxías renovables e o aforro enerxético
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases da convocatoria para apoiar proxectos de autoconsumo fotovoltaico en empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas locais cunha dotación de 5,5 M€ financiada con fondos Feder. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde mañá ata o 19 de abril.
A convocatoria, de concorrencia competitiva, pretende mobilizar 15 M€ e alcanzar aforros económicos de 2,6 M€ ao ano nas facturas enerxéticas - ao redor de 5.200 euros ao ano por proxecto- e unha redución de emisións equivalente a plantar 350.000 árbores.
As axudas terán unha intensidade do 60 % no caso das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro; e do 40 % para as pequenas empresas, do 30 % para as medianas e do 20 % para as grandes, cunha axuda máxima de 50.000 euros.
Estes apoios teñen como obxectivo seguir fomentando o uso de enerxías renovables e a cultura do aforro enerxético, á vez que se crea emprego, se reducen os custos enerxéticos das empresas, entidades e administracións locais e se contribúe á mellora ambiental.
Esta liña vén completar as axudas destinadas a instalacións de fotovoltaica para particulares cuxo prazo continúa aberto ata o 21 de marzo.