A Xunta abre o prazo de solicitude do programa Bono Enerxía PEME

Bono Enerxía Peme
A Xunta abre o prazo de solicitude do programa Bono Enerxía PEME

As axudas, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos, contan cun orzamento de 3 M€ para actuacións de asesoramento enerxético profesional, mellora da envolvente, iluminación, instalacións eléctricas, equipamento, climatización e instalacións inmóticas para mellorar a xestión enerxética.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, informou desta convocatoria de concorrencia non competitiva en Ourense, nunha visita á carnicería Depueblo que participou na última edición do programa.

Ourense, 10 de xaneiro de 2024 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, informou esta mañá da apertura do prazo de solicitude da nova convocatoria do programa Bono Enerxía Peme. A Xunta destina un total de 3 M€ para a mellora das instalacións enerxéticas de pemes e autónomos do sector servizos.

Tal e como explicou o director, as axudas cubrirán a instalación de elementos de control solar e térmico; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior -incluíndo rótulos e escaparates-, por outros que utilicen tecnoloxía LED; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas garantindo unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras; equipamentos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; e sistemas domóticos e inmóticos para xestionar a enerxía e o gasto de forma eficiente. Ademais, mantense a axuda para asesoramento enerxético, consistente na realización de diagnoses e auditorías enerxéticas. 

A intensidade de axuda será do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais. Esta convocatoria é en concorrencia non competitiva, polo que as axudas concédense por orde de solicitude de se cumprir os requisitos esixidos. 

Fernández Vila visitou a carnicería Depueblo, en Ourense, que foi unha das participantes na última edición do programa Bono Enerxía Peme. O establecemento acometeu a renovación da unidade de frío da cámara frigorífica para o almacenamento de produtos cárnicos, que deixara de ser eficiente pola súa antigüidade. Este cambio permitiralle acadar aforros eléctricos e económicos, así como unha maior eficiencia.

O programa contribúe a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporciona as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.

Últimas novas