A Xunta abre o vindeiro mércores a nova convocatoria do programa Renova o teu vehículo

Programa Renova o teu vehículo
A Xunta abre o vindeiro mércores a nova convocatoria do programa Renova o teu vehículo

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou esta mañá na presentación, organizada por Faconauto e Anfac.

Cun orzamento de 3 M€ para o ano 2024 as axudas diríxense tanto a particulares como a autónomos e empresas.

A convocatoria tramítase en réxime de concorrencia non competitiva con axudas que poden chegar a 4.600 euros por vehículo no caso de familias numerosas.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024 - A Xunta de Galicia abrirá o vindeiro mércores, 17 de xaneiro, o prazo de solicitudes da nova convocatoria do programa Renova o teu vehículo, tal e como se informou na presentación deste programa organizada por Faconauto e Anfac. Nela participou a conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, que destacou o diálogo e traballo conxunto co sector para poñer en marcha estas axudas. 

Renova o teu vehículo conta cun triplo obxectivo: incentivar a compra, impulsar a competitividade dunha industria estratéxica para Galicia como a automoción, así como a implantación dunha mobilidade sustentable. “Temos que ir pouco a pouco descarbonizando o parque móbil a través da electrificación e a dixitalización pero hai que facelo con sentido común e sen que se perda no camiño emprego, cualificación nin os consumidores e clientes”, subliñou Lorenzana. 

O programa busca fomentar a transición cara a unha mobilidade eficiente e agarda que se adquiran ao redor de 1.200 vehículos enerxeticamente eficientes por parte de cidadáns e empresas. Entre os obxectivos está promover a substitución de vehículos de certa antigüidade por outros novos e eficientes que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro e melloren a calidade do aire, así como dinamizar o sector. 

Este programa está dirixido tanto a particulares coa súa residencia habitual en Galicia –que poderán adquirir un único vehículo– como autónomos e empresas con domicilio social ou centro de traballo na Comunidade, que poderán mercar un máximo de 10 unidades. A convocatoria inclúe a adquisición de vehículos novos –turismos e furgonetas– cun custo inferior ou igual a 42.000 euros -cantidade que ascende a 47.000 euros no caso de vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 quilómetros en modo eléctrico-. Será requisito imprescindible que o adquirinte titular do novo vehículo acredite a baixa definitiva en circulación dun vehículo a achatarrar de polo menos 10 anos no caso dos turismos e de cinco no das furgonetas. 

As axudas, de concorrencia non competitiva e que se tramitarán a través das entidades colaboradoras, oscilarán entre os 3.000 e os 4.000 euros segundo o tipo de vehículo, dos cales a Xunta achega 2.000 e 3.000, respectivamente e o concesionario 1.000. A cantidade increméntase nun 20 % para as familias numerosas, polo que os apoios poden acadar os 3.400 e 4.600 euros.

Últimas novas