A Xunta amosa en Ourense a súa aposta polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética

foto
A Xunta amosa en Ourense a súa aposta polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, interveu esta mañá en Ourense no XVI Symposium sobre enerxías renovables- Arquitectura sustentable

Ourense, 22 de xuño de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, ratificou esta mañá a aposta da Xunta por impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética durante a súa intervención esta no XVI Symposium sobre enerxías renovables- Arquitectura sustentable.

Tal e como explicou, a sustentabilidade foi un dos piares sobre os que se desenvolveu o Plan Estratéxico de Galicia 22-30, pero tamén a Axenda Enerxética de Galicia 2030, unha folla de ruta que, entre outras cuestións, establece accións no eido das renovables e da eficiencia enerxética, incluída a vivenda.

O director xeral informou das axudas do Inega para instalacións de autoconsumo (fotovoltaica e eólica) e almacenamento enerxético, así como para renovables térmicas (biomasa, hidrotermia, xeotermia, aerotermia e solar térmica), cunha dotación orzamentaria superior aos 35 M€, e que están tendo unha gran acollida no ámbito particular, con case 2.500 axudas concedidas. No eido da eficiencia enerxética, existen liñas dirixidas para o sector industria e o sector servizos.

As liñas de actuación para vivendas son xestionadas a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que conta con programas de rehabilitación, con programas de construción de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, e con programas de rehabilitación enerxética de edificios, incluíndo un específico para concellos de reto demográfico. En total, estes programas do IGVS contarán con case 225 M€ de dotación orzamentaria, e ata o de agora xa levan concedidas máis de 6.900 axudas para 14.585 vivendas.

Últimas novas