A Xunta apoia o desenvolvemento da eólica mariña como unha oportunidade para impulsar a cadea de valor do sector en Galicia
Na reunión ratificouse, unha vez máis, o compromiso da Xunta por promover o diálogo e a colaboración entre o sector industrial e o marítimo-pesqueiro como marco para a planificación da eólica mariña en Galicia
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantiveron hoxe un encontro con representantes de CC.OO para abordar o futuro desenvolvemento da eólica mariña que, para o Goberno galego, supón unha oportunidade para impulsar a cadea de valor do sector en Galicia.
A Xunta ten claro que Galicia pode ser un referente en xeración e loxística industrial desta tecnoloxía, pero o seu desenvolvemento require dunhas claras garantías de coexistencia e compatibilidade co medio mariño e coa actividade pesqueira, e así se trasladou na xuntanza.
Nese sentido, o que tamén se tratou é a importancia da creación de emprego en sectores como a construción, a operación e o mantemento das instalacións eólicas, así como en actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, que contribuirán a unha mellor planificación do sector.
Ao respecto, cómpre lembrar que a Xunta vén de solicitar a ampliación da autorización para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre da plataforma experimental de enerxías mariñas de Punta Lagosteira, localizada nas inmediacións do Porto Exterior da Coruña, onde actualmente se realizan labores de ensaio e validación de prototipos e materiais, así como estudos relacionados co medio mariño, a biodiversidade e os recursos enerxéticos renovables. Ademais, Galicia está á espera do apoio do Goberno central para a posta en marcha dunha segunda plataforma experimental.
Na mesma liña, na reunión tamén se puxo de manifesto a falta de resposta do Executivo ás alegacións feitas por Galicia, desde o Observatorio da Eólica Mariña, ao proxecto de Real Decreto que regula o sector e que pasan por que os criterios non económicos de avaliación dos proxectos representen, como mínimo, o 50 %; por que o diálogo público-privado sexa obrigatorio, e pola importancia de establecer medidas compensatorias ao sector pesqueiro.
Na reunión ratificouse, unha vez máis, o compromiso da Xunta por promover o diálogo e a colaboración entre o sector industrial e o marítimo-pesqueiro como marco para a planificación da eólica mariña en Galicia.