A Xunta aspira a ser un referente na xeración e na loxística industrial da eólica mariña

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou o proxecto Eolmed na localidade francesa de Port-la-Nouvelle
Port-la-Nouvelle (Francia), 18 de marzo de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que a Xunta aspira a ser un referente na xeración e na loxística industrial da eólica mariña. O director xeral realizou esta mañá unha visita ás instalacións do proxecto Eolmed, da firma Qair, que vai instalar tres aeroxeradores de eólica flotante nas costas do sur de Francia.
Durante a visita, Fernández Vila incidiu na importancia de apostar polas plataformas experimentais ou por proxectos precomerciais, xa que debido á profundidade das augas españolas, a eólica mariña na Península Ibérica será flotante, algo sobre o que hai menos información en comparación coa eólica mariña fixa, e de aí “que resulte fundamental o testeo en zonas experimentais”, dixo.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, lembrou que, precisamente Galicia vai desenvolver a plataforma experimental de Punta Langosteira, que permitirá afondar no coñecemento da compatibilidade entre o medio mariño e as actividades que xa están implantadas a través do testeo en zonas experimentais.
Na visita, a Xunta estivo acompañada por representantes da Asociación de industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime) como membros do Observatorio da Eólica Mariña.