A Xunta avalía as modificacións da planificación da rede de transporte e a necesidade dun procedemento áxil para o nó de Meirama

Inega
A Xunta avalía as modificacións da planificación da rede de transporte e a necesidade dun procedemento áxil para o nó de Meirama

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou no Comité Executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá, en Santiago de Compostela, na reunión do Comité Executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade.

Ao encontro tamén asistiron outros representantes da Xunta, así como da Confederación de Empresarios de Galicia, dos sindicatos, o alcalde de Cerceda -Juan Manuel Rodríguez, pola Fegamp-, así como directivos de diferentes asociacións profesionais.

Na reunión, Fernández Vila informou das alegacións realizadas pola Xunta de Galicia no proceso de consulta pública de modificación de aspectos puntuais da planificación da Rede de Transporte 2021-2026. Así, indicou a importancia de que os proxectos industriais, en moitos casos declarados como proxectos industriais estratéxicos ou iniciativas empresariais prioritarias, teñan garantida a conexión eléctrica para poder tomar a decisión de investir, así como para poder optar a axudas europeas. Nese sentido, os diversos integrantes do comité manifestaron a importancia de que proxectos como o de Altri teñan resposta á súa necesidade de conexión eléctrica no documento final que aprobe o Ministerio e contemplen as demandas que a Xunta, o promotor e os diversos sindicatos levan tempo reclamando.

Por outra banda, tamén se abordou o proceso de consulta pública previa para a convocatoria do concurso do nó de Meirama. Os asistentes puxeron de manifesto a importancia de que o procedemento sexa garantista, coa maior seguridade xurídica, pero que tamén resulte áxil para garantir unha adecuada reconversión e reindustrialización da comarca. Ao respecto, comentouse que, a pesar dos anuncios do Goberno de que o concurso sería de 400 MW, o borrador non fai ningunha referencia á potencia que será obxecto de concurso, ademais de que 400 MW é unha potencia inferior á potencia nominal que tiña a central térmica de Meirama, que era de case 600 MW.

Finalmente, o director xeral convidou aos asistentes a realizar as súas achegas para telas en conta nas alegacións que poida facer a Xunta de Galicia ao proceso de consulta pública previa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Últimas novas