A Xunta avanza na elaboración do novo plan sectorial eólico de Galicia

A Xunta avanza na elaboración do novo plan sectorial eólico de Galicia

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presidiu esta mañá en Santiago a segunda mesa de traballo para continuar co seu proceso de preparación

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presidiu esta mañá en Santiago a segunda mesa de traballo convocada pola Consellería de Economía e Industria para avanzar no proceso de elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG).

Esta mesa da continuidade á primeira celebrada o pasado martes e a ela estaban citadas as entidades máis representativas do sector como a Asociación Eólica de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Industriais, o Colexio de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía, a Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (Apyde), o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (CLUERGAL), Ufd e Viesgo. O obxectivo destas xuntanzas é traballar ao redor de varios eixos, como son as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes, a análise das zonas con potencial eólico, a redución dos costes enerxéticos para os consumidores, ou a reconversión do sector desde o punto de vista do mantemento e creación de postos de traballo, entre outros.

Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso adquirido polo Goberno galego de impulsar un procedemento transparente e aberto á  cidadanía, no que se dará consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados, consensuando os principais puntos que deberá integrar o novo plan a través de encontros cos axentes sociais e coas entidades do sector na Comunidade.

Últimas novas