A Xunta avoga por fomentar o autoconsumo nas empresas galegas para avanzar cara o aforro e a eficiencia enerxética
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou a mina David de Pasek Minerales
Cariño (A Coruña), 17 de decembro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou hoxe a mina David de Pasek Minerales onde avogou por fomentar o autoconsumo nas empresas galegas para avanzar cara o aforro e a eficiencia enerxética.
Fernández Vila, puido coñecer de primeira man o proxecto de aforro enerxético desenvolto por Pasek Minerales, en funcionamento xa desde xaneiro deste ano, e que permite o consumo sen excedentes da enerxía eléctrica xerada nas instalacións da explotación mineira de dunita. En concreto, ten unha potencia pico de 412,5 kWp e unha capacidade de produción de ata 400 Kwh e xa lles permitiu autoabastecerse nunha media dun 25 % no 2024.
Durante a visita, o director xeral lembrou que Pasek Minerales foi beneficiaria das axudas do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas e puxo en valor o seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade.
Neste marco, Pablo Fernández Vila tamén lembrou que nos últimos once anos, a Xunta leva concedido 1.640 subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nos sectores industria, servizos e agrícola cun orzamento total de 55,6M€. O aforro de enerxía final asociado equivale ao consumo eléctrico de 185.000 fogares (47.300 tep/ano); e a redución de emisións, á plantación de 6,7 millóns de árbores (a 136,4 kt/ano).