A Xunta chama a aproveitar as sinerxías entre a minaría e as enerxías renovables para avanzar na descarbonización da economía galega

A Xunta chama a aproveitar as sinerxías entre a minaría e as enerxías renovables para avanzar na descarbonización da economía galega

O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou nunha xornada sobre os recursos minerais e o sector enerxético, onde subliñou a evolución da industria mineira grazas á integración das fontes de enerxía renovables e a redución dos custes enerxéticos

Vigo, 28 de outubro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Vigo na inauguración da xornada Os recursos minerais e o sector da enerxía, na que subliñou as potencialidades do binomio minaría-enerxía para avanzar na descarbonización da economía galega. Dous sectores, dixo, que teñen que ir da man e aproveitarse mutuamente na loita contra o cambio climático.

Fernández Vila lembrou que o sector mineiro é un gran consumidor de enerxía e, á súa vez, unha provedora fundamental de materiais para a industria enerxética. Por iso, o paso cara unha economía descarbonizada e dixitalizada, subliñou, “exixe que aproveitemos as sinerxías que estes dous sectores xeran”.

“O sector enerxético require de materias primas para que os proxectos se executen atendendo a procesos de produción eficientes – abondou -  e a minería tamén precisa incorporar iniciativas que lle permitan non só reducir o consumo de enerxía senón os custos operativos e o seu impacto ambiental”. Un camiño no que está a avanzar a industria mineira galega a través da integración das renovables, gabou.

Neste punto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas apuntou que o sistema de Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) conta cun “enorme potencial no eido da minaría que estou convencido saberán aproveitar”. Cómpre lembrar que Galicia está nos postos de cabeza das comunidades que apostan por implantar este sistema que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética, por detrás de Madrid e Cataluña, o que da mostra “do compromiso do tecido galego pola sustentabilidade e a mellora da competitividade”, rematou o director xeral.

Últimas novas