A Xunta convoca a primeira mesa de traballo co Diálogo Social para avanzar na elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia
O Goberno galego da así cumprimento ao compromiso adquirido no inicio da tramitación de impulsar un procedemento transparente e aberto á cidadanía
Nesta primeira fase de traballo analizaranse os criterios territoriais, ambientais e sectoriais que marcarán o desenvolvemento da nova ferramenta de ordenación do sector eólico galego
O venres celebrarase a segunda das mesas programadas, neste caso, coas entidades máis representativas desta industria na Comunidade
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, presidiu esta mañá a primeira das dous mesas de traballo convocadas pola Consellería de Economía e Industria para avanzar no proceso de elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG).
Deste xeito, dáse cumprimento ao compromiso adquirido polo Goberno galego de impulsar un procedemento transparente e aberto á cidadanía, no que se dará consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados, consensuando os principais puntos que deberá integrar o novo plan a través de senllos encontros cos axentes sociais e coas entidades do sector na Comunidade.
A primeira destas mesas de traballo tivo lugar esta mañá na sede do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) no marco do Comité executivo de enerxía do que forman parte as principais organizacións sindicais e ecoloxistas.
Fernández Vila explicou que na xuntanza abordáronse os primeiros pasos na preparación do novo PSEG, de maneira que se deu conta dos listados de afeccións ambientais e técnicas e que, xunto coa existencia de recurso eólico, servirán de base para a elaboración do borrador do plan. Neste punto, o director xeral invitou a todos os asistentes a ser partícipes da tramitación do plan e realizar as achegas pertinentes neste momento inicial.
Como continuación a esta primeira mesa de traballo, o vindeiro venres 17 de abril está convocada a segunda das mesas de traballo á que están citadas as entidades máis representativas do sector como a Asociación Eólica de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Industriais ou a Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía de Galicia (Apyde), entre outros. En ambos foros se traballará ao redor de varios eixos, entre os que cómpre citar as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes, a análise das zonas con potencial eólico, a redución dos costes enerxéticos para os consumidores, ou a reconversión do sector desde o punto de vista do mantemento e creación de postos de traballo, entre outros.
O novo Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), en liña coa nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e coas iniciativas incluídas na Lei de medidas, permitirá ao Goberno galego seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable e abaratar o prezo eléctrico para empresas e consumidores galegos.
A elaboración do novo plan obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas ao tempo que se dota de seguridade xurídica adicional ao desenvolvemento enerxético na comunidade. Así mesmo, o futuro PSEG revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e o desenvolvemento urbanístico. Asemade, o novo PSEG contará, consonte á normativa actual, con avaliación ambiental estratéxica, o que suporá unha maior garantía para a cidadanía e os promotores.
Cómpre lembrar que o vixente Plan Sectorial Eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia hai máis de 20 anos -o 5 de decembro de 2002- e desde entón, a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación.