A Xunta defende unha minería comprometida coa sustentabilidade, a seguridade e a innovación

A Xunta defende unha minería comprometida coa sustentabilidade, a seguridade e a innovación

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, clausurou hoxe a Asemblea xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal)

Lembra que o sector dos áridos é “o primeiro elo da cadea de valor da construción e a industria”. “Sen canteiras non hai formigón, non hai asfalto, non hai progreso”, di

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, recoñeceu hoxe que Galicia “leva dado pasos de xigante” na última década para pasar dunha minería extractiva tradicional a unha xestión baseada na economía circular. “Hoxe as canteiras galegas non son só centros de produción, senón exemplos de restauración ambiental onde a biodiversidade recupera o seu espazo”, dixo.

Fernández Vila clausurou hoxe a Asemblea xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal), onde asegurou que “o respecto ao medio ambiente e o desenvolvemento industrial son dúas caras da mesma moeda”.

O director xeral apuntou, tamén, que outro dos grandes retos do sector está na innovación e na seguridade. Por iso o investimento en formación e novas tecnoloxías “debe ser constante”, asegurou. Apuntou, así, á dixitalización e á optimización dos procesos de trituración e clasificación como unha vía para gañar en eficiencia, reducir a pegada de carbono e mellorar a rendibilidade.

Na súa intervención destacou que o último informe mineira, que publica o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico correspondente ao ano 2024, reflicte un aumento do sector dos produtos de canteira dun 5,3 por cento, impulsado, principalmente, pola recuperación e o dinamismo da construción e a obra civil, que elevaron a demanda de áridos.

Ao respecto lembrou que o sector dos áridos é “o primeiro elo da cadea de valor da construción e a industria”. “Sen canteiras non hai formigón, non hai asfalto, non hai progreso”, concluíu.

Últimas novas