A Xunta destaca a coxeración como elemento clave para mellorar a competitividade industrial e reclama a convocatoria inmediata do réxime de poxas
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na mesa redonda A coxeración e a descarbonización industrial desde as Comunidades autónomas, no marco do programa de actividades do congreso estatal Genera 2025, que se celebra estes días en Madrid
Madrid, 18 de novembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá o papel que está a xogar a coxeración no escenario enerxético galego e a necesidade de potenciar este sector para mellorar a competitividade da industria na comunidade. “Defender a coxeración é defender a industria, especialmente – dixo - no actual escenario de descarbonización e transición cara unha economía baixa en carbono”.
Fernández Vila realizaba estas declaracións con motivo da súa asistencia ao congreso estatal Genera 2025, que se celebra estes días en Madrid, e onde tivo oportunidade de participar nunha mesa redonda titulada A coxeración e a descarbonización industrial desde as Comunidades autónomas, xunto cos directores xerais de enerxía de Cataluña, Madrid, Castela-A Mancha e Castela e León.
Durante a súa intervención, Pablo Fernández lembrou que durante o ano 2024 a coxeración achegou o 6% da enerxía eléctrica producida en Galicia (1.563 GWh/ano), a través das 40 centrais que están operativas na actualidade, das que 23 empregan gas natural, 11 fuelóleo, 3 gasóleo e outras tantas residuos, biomasa ou biogás.
Neste contexto, destacou que na Comunidade galega esta fonte de enerxía está maiormente implantada en sectores industriais estratéxicos como a madeira, a alimentación ou o químico, con consumos intensivos de calor e electricidade, que contribúen a reducir os custes enerxéticos. Por iso, Fernández Vila insistiu en que o futuro da coxeración pasa pola modernización tecnolóxica do sector, pola transformación progresiva das instalacións consumidoras dos derivados do petróleo e pola necesidade de que se convoque de xeito inmediato o réxime de poxas que outorguen un novo réxime retributivo ás novas plantas acorde coas necesidades do sector.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que o pasado mes de marzo, o Goberno galego presentou alegacións á información pública impulsada polo Ministerio de Transición Ecolóxica no marco das convocatorias para adxudicar unha retribución regulada a un total de 1.200 MW de coxeración ata 2027. “O propósito non é outro que facilitar a transición deste sector a unha economía máis sustentable e limpa, o que, sen dúbida, reverterá na mellora da competitividade do noso tecido industrial”, rematou.