A Xunta destaca en Culleredo a súa aposta por apoiar o aforro e a eficiencia enerxética das empresas galegas
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá as instalacións da empresa Dimalnox, beneficiaria das axudas do Goberno galego para proxectos de aforro e eficiencia.
Culleredo (A Coruña), 14 de agosto de 2023 - O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, visitou esta mañá en Culleredo as instalacións da empresa Dimalnox -especializada en carpintería metálica-, que resultou beneficiaria das axudas da Xunta para impulsar proxectos de aforro e eficiencia enerxética e destacou a aposta do Goberno galego por apoiar este tipo de iniciativas no tecido empresarial galego.
En concreto, esta compañía recibiu preto de 200.000 euros para un investimento de arredor dun millón co que se substitúe unha máquina de corte láser por outra de 15kW de potencia máis moderna e que lle permitirá aforrar un 73% de enerxía con respecto á situación anterior.
A Xunta mantén, nestes momentos, dúas liñas abertas para fomentar a eficiencia enerxética tanto no sector industrial como nos servizos. Por unha banda, destina 30,7 millóns de euros para empresas do sector industrial con axudas de entre o 35 e o 55% do custo subvencionable segundo o seu tamaño cun máximo de 2M€ por proxecto. Por outra, tamén hai unha liña de apoios de 7,5M€ para industria e servizos con axudas de ata 1M€ por proxecto.
Entre as dúas liñas, o Goberno galego xa leva concedidas un total de 161 axudas que están mobilizando investimentos de 91,8M€. O obxectivo é fomentar proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas compañías galegas, reducir os custos enerxéticos nas facturas, aumentar a eficiencia e dinamizar a economía.