A Xunta destaca a importancia das renovables para a implantación de futuros proxectos na comunidade

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou hoxe en Madrid na 4ª reunión ‘Spertus. Transición enerxética e competitividade industrial’
Madrid, 16 de xuño de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Madrid na cuarta reunión Spertus. Transición enerxética e competitividade industrial. Na súa intervención destacou a importancia das enerxías renovables na futura implantación de proxectos en Galicia e a súa repercusión no territorio.
Así, incidiu en que a transición enerxética debe ser planificada e ordenada polo que precisa de estratexias e follas de ruta claras para afrontar os retos que poidan xurdir.
É o caso da Comunidade, que conta coa Axenda enerxética de Galicia 2030 coa que se busca unha anticipación ás futuras necesidades e do anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económcos dos proxectos que fan uso dos recursos naturais de Galicia.
O director xeral explicou que o proceso de implantación de enerxías renovables vai ter un importante papel en futuras iniciativas vinculadas ao hidróxeno verde pero tamén noutros proxectos industriais que están buscando desenvolverse en Galicia.