A Xunta destaca na localidade italiana de Verona as capacidades de Galicia na produción de pedra natural
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, visitou os stands dos graniteiros galegos presentes na Feira Marmomac, un dos maiores escaparates do sector a nivel internacional e onde se dan cita os principais produtores de pedra natural do mundo
Verona (Italia), 25 de setembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, gabou esta mañá as capacidade do sector da pedra natural galega, e máis concretamente do granito, e a súa adaptación aos procesos produtivos actuais coa incorporación de nova maquinaria, máis eficiente e sustentable, e con melloras nas condicións laborais.
Fernández Vila realizaba estas declaracións no transcurso da visita á Feira Marmomac, na localidade italiana de Verona, un dos maiores escaparate do sector a nivel mundial e no que se dan cita os principais produtores de pedra natural, entre eles os galegos, que contan cun stand.
“Somos un referente a nivel nacional e internacional - destacaba o director xeral - tanto pola calidade do noso produto como polo nivel de profesionalización que amosa o sector”. E abondou “temos un potencial mineiro enorme e temos que saber aproveitalo, e feiras como esta de Marmomac son unha excelente oportunidade para poñer en valor os nosos recursos naturais”.
Así, lembrou que o sector do granito de Galicia representa o 80 % desta industria a nivel nacional, o que o convirte en líder absoluto. E a nivel internacional, o galego ocupa o quinto lugar no mundo. E, ao fío destacou a capacidade exportadora do granito galego, onde máis do 50 % da produción sae ao exterior.
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas reiterou o apoio da Administración galega ao sector e confirmou a necesidade de continuar impulsando accións que permitan visualizar a importancia desta industria en Galicia e o modelo de desenvolvemento sustentable que se está a implantar para xerar riqueza e benestar nas empresas e na cidadanía.