A Xunta destaca o potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para liderar o despregamento do hidróxeno verde no eido da mobilidade sustentable

A Xunta destaca o potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para liderar o despregamento do hidróxeno verde no eido da mobilidade sustentable

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, lembra que Galicia é referente no uso e aproveitamento de fontes renovables de enerxía

Subliña a necesidade de avanzar na descarbonización doutros sectores como o do transporte aproveitando as sinerxías xeradas entre os participantes do proxecto

O Porriño (Pontevedra), 4 de decembro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas e responsable do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, apuntou esta mañá que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ten potencial suficiente para liderar o despregamento da cadea de valor do hidróxeno verde e avanzar cara a unha mobilidade máis sustentable.

Fernández Vila realizou estas declaracións no Porriño, no transcurso da inauguración do último seminario do proxecto HI_MOV, unha iniciativa transfronteiriza que ten como obxectivo principal articular un ecosistema que impulse a cadea de valor emerxente do hidróxeno ao tempo que contribúe a unha mobilidade sustentable baseada en fontes renovables.

O director xeral explicou que o hidróxeno é unha enerxía alternativa que, no ámbito da mobilidade, conta cun gran potencial para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro no sector do transporte. “É notorio que estamos nun proceso de descarbonización - apuntou -  e para iso precisamos avanzar nunha maior xeración de enerxía a partir de fontes renovables como esta”.

Neste punto lembrou que a comunidade galega é un referente no uso e aproveitamento de fontes renovables de enerxía, circunstancia que sitúa Galicia dez puntos por debaixo da media nacional (59,8% en 2023, últimos datos oficiais) en dependencia enerxética e que lle permite ter alcanzado xa o obxectivo fixado para o 2030: que o 85 % da enerxía eléctrica xerada sexa de fontes renovables. Un fito superado xa nos primeiros 6 meses de 2025 (85,8 %).

Aínda así, asegurou, “a realidade é que aínda temos un importante percorrido por diante, debido ao importante consumo e importación de combustibles fósiles, especialmente en sectores como o transporte, e de aí a importancia de participar en iniciativas como a que hoxe remata, un proxecto conxunto de investigación, fomento e desenvolvemento do uso do hidróxeno verde na Eurorrexión que nos posiciona como un territorio referente neste ámbito gracias ás sinerxías xeradas por todos os participantes do proxecto”.

O director xeral tamén aproveitou para poñer en valor a achega do Inega a este programa “cun papel de liderado e coordinación en diversas actuacións estratéxicas orientadas a consolidar e articular a cadea de valor emerxente do hidróxeno renovable na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal” a través de accións como a elaboración dun Plan de sustentabilidade, fomento e promoción; da posta en marcha dun Catálogo de capacidades no ámbito do hidróxeno ou a creación dun  catálogo específico sobre as capacidades industriais vinculadas á eólica mariña. Tamén do apoio á implementación de pilotos demostradores para validar tecnoloxías innovadoras e accións de difusión e comunicación respecto dos avances do proxecto.

Finalmente, Fernández Vila insistiu no potencial de Galicia e do norte de Portugal para posicionarse como rexión referente en canto á xeración, almacenamento, consumo e tecnoloxías relacionadas co hidróxeno verde “grazas ás súas capacidades, á experiencia, aos coñecementos e ás súas posibilidades para xerar enerxía eléctrica renovable”.

HI_MOV, unha oportunidade para descarbonizar o transporte

O proxecto HI_MOV arrancou en xaneiro do 2023 e ao longo dos últimos tres anos contribuíu a desenvolver a cadea de valor do hidróxeno renovable e avanzar cara a unha mobilidade máis sustentable na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España Portugal (POPTEC) 2021-2027 contou con dez socios participantes:  os centros tecnológicos CTAG, ENERGYLAB, PIEP e CEiiA; as universidades UMINHO UPORTO e a USC; agrupacións territoriais (AECT-GNP), empresas (Grupo Petrotec) e o Inega. O orzamento total do proxecto ascendeu a 2.175.000 millóns de euros.

Últimas novas