A Xunta destaca que en Galicia case o 85% da enerxía eléctrica xerada procede de fontes renovables

A Xunta destaca que en Galicia case o 85% da enerxía eléctrica xerada procede de fontes renovables

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou no XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

Ourense, 29 de maio de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe en Ourense que en Galicia case o 85% da enerxía eléctrica xerada procede de fontes renovables e animou a seguir traballando para que “a Comunidade siga liderando o proceso de transición”, dixo.

Fernández Vila, participou no XVIII Simposio sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética onde puxo en valor que a Xunta está a promover un desenvolvemento claro dos proxectos enerxéticos e apuntou que a Lei de Recursos Naturais “obedece precisamente, a que queremos que Galicia siga sendo unha terra onde se poidan desenvolver os proxectos pero a cambio de garantir un retorno na cidadanía”, dixo.

Ademais, o director subliñou que o Goberno galego está ao carón das empresas e das familias coas convocatorias de axudas ao autoconsumo, para renovables térmicas, e tamén para a constitución de comunidades enerxéticas.

Finalmente, Fernández Vila lembrou os importantes avances que se están a acometer no campo da eficiencia enerxética e que son “moi necesarios para facer un uso máis eficientes dos nosos recursos”, sinalou.

Últimas novas