Xunta e clústeres avanzan no Plan Director do sector da loxística

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participaron esta semana nunha mesa de traballo na que participaron algúns dos principais clústeres industriais de Galicia
No encontro abordáronse as liñas de traballo dos plans directores e escoitáronse as demandas dos distintos sectores co fin de que poidan contribuír coas súas achegas á redacción do Plan da Loxística
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participaron esta semana nunha das mesas de traballo que se están a manter cos clústeres dos sectores produtivos de Galicia para avanzar na redacción do Plan Director do sector da Loxística.
Na reunión, o secretario xeral aproveitou para explicarlles as liñas de traballo dos plans directores e interesouse polas demandas de cada sector co fin de que poidan facer as súas achegas ao Plan e de recoller medidas que axuden a paliar as principais problemáticas que existen na actualidade en materia de loxística industrial.
Finalmente, Nicolás Vázquez, puxo en valor que a Xunta xa aprobou dous plans directores -o da automoción e do naval- e fixo fincapé no papel que desempeñan estes instrumentos de carácter estratéxico e que teñen o obxectivo de potenciar o desenvolvemento da actividade industrial a través de medidas encamiñadas a fortalecer as industrias, mellorando a súa competitividade, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sustentabilidade e impulsando a innovación nos procesos produtivos.