A Xunta e o concello de Begonte avalían a nova liña de axudas para comunidades enerxéticas

foto
A Xunta e o concello de Begonte avalían a nova liña de axudas para comunidades enerxéticas

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, reuniuse co alcalde do municipio lucense

Dotada con 600.000 euros, esta nova liña de apoios de planificación enerxética tanto para entidades locais como para comunidades enerxéticas estará aberta desde o 28 de marzo ata o 15 de xuño
 

Begonte (Lugo), 20 de marzo de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, reuniuse co alcalde de Begonte, José Ulla, para avaliar a nova liña de axudas de planificación enerxética para comunidades enerxéticas e a posibilidade de acollerse á mesma.

Esta convocatoria, cunha intensidade de axudas de ata o 80%, permanecerá aberta desde o 28 de marzo ata o 15 de xuño, e terá como actuacións subvencionables tanto os custos da contratación dos servizos de asistencia técnica como de asistencia xurídica que sexan precisos para a definición das infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación dos estatutos que rexerán a operativa e xestión da Comunidade Enerxética a partir da súa constitución.

O director xeral tamén informou da liña específica para entidades locais, onde se promoven os estudos estratéxicos para a subministración enerxética nos que se contemple a promoción do aforro enerxético e, en concreto  a análise e a posta en marcha dun proceso de contratación centralizada. Nesta liña, a intensidade das axudas será maior canto maior sexa tamén o número de concellos que concorran de forma agrupada e incrementarase no caso de concellos con poboación inferior a 5000 habitantes, municipios fusionados e tamén no caso de Concellos Emprendedores.

As dúas liñas contan cun orzamento total de 600.000 euros nesta convocatoria de concorrencia non competitiva. Os solicitantes poden escoller libremente as empresas que as asesoren. O Inega, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, elaborará unha listaxe de empresas interesadas en prestar servizos de planificación enerxética ás entidades locais e comunidades enerxéticas que publicará na súa páxina web.

Últimas novas