A Xunta e a UNEF traballarán conxuntamente para impulsar en Galicia a enerxía fotovoltaica e o autoconsumo

foto
A Xunta e a UNEF traballarán conxuntamente para impulsar en Galicia a enerxía fotovoltaica e o autoconsumo

Lorenzana agradece a disposición da entidade —que representa máis de 750 empresas en España, o 90 por cento da cadea de valor— a colaborar coa Administración autonómica

Sanxenxo (Pontevedra), 21 de xullo de 2023 A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Unión Española Fotovoltaica (UNEF) para seguir dando pulo en Galicia ás enerxías renovables e ao autoconsumo.

Lorenzana agradeceu a disposición da entidade —que representa máis de 750 empresas en España, o 90 por cento da cadea de valora colaborar coa Administración autonómica no despregamento da enerxía fotovoltaica e na difusión da cultura da eficiencia enerxética para cumprir cos obxectivos da descarbonización.

A sinatura tivo lugar no hotel Villa Cabicastro, un dos beneficiarios das liñas de axuda que a Administración galega, a través do Inega, puxo en marcha para apoiar proxectos de autoconsumo e almacenamento no sector servizos e noutros sectores produtivos, así como entre particulares e administracións, cun orzamento de 63M€. Grazas a estes apoios, o establecemento conta cunha instalación de autoconsumo de 66 kW con 136 módulos.

En palabras da conselleira, o protocolo “pon de manifesto o compromiso de Galicia coas enerxías renovables e, en particular, coa fotovoltaica”, dixo, para destacar, neste caso, a aposta que está a facer o sector hoteleiro e turístico por este tipo de instalacións. “Demostra que cando falamos en Galicia de que o turismo é sustentable estamos falando de desestacionalización, que é unha das nosas grandes apostas, pero tamén de que os establecementos turísticos aposten polas enerxías renovables”.

Lorenzana puxo de relevo o aforro de custos que supoñen as renovables na industria en no sector servizos, ao tempo que se contribúe, dixo, a acadar pouco a pouco os obxectivos do Plan de enerxía e clima e da Axenda Enerxética de Galicia, que prevé triplicar a potencia instalada actualmente na Comunidade de enerxía solar fotovoltaica para acadar os 210MW ao final desta década.

Últimas novas