A Xunta impulsa as enerxías limpas coma o hidróxeno verde para situar Galicia á vangarda da transición enerxética
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugura a IX Xornada sobre Hidróxeno Verde en Galicia (H2GAL 2024) que reúne a máis de 120 representantes de toda a cadea de valor
Destaca a importancia do hidróxeno verde para Galicia e a política da Xunta para favorecer unha implantación axeitada e ordenada dos proxectos enerxéticos no territorio
A Coruña, 14 de novembro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, inaugurou esta tarde a IX Xornada sobre Hidróxeno Verde en Galicia (H2GAL 2024). Durante a súa intervención na sede do Centro Tecnolóxico Nacional na Coruña, destacou o impulso da Xunta ás enerxías limpas coma o hidróxeno verde para situar Galicia á vangarda da transición enerxética.
Neste senso, Fernández Vila puxo en valor a participación do Goberno galego no HI Mov, un proxecto POCTEP que naceu para articular un ecosistema transfronteirizo que impulse en Galicia e Portugal unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde. Todo isto, explicou Pablo Fernández Vila, nun marco de transición enerxética que debe permitir que Galicia siga a ser un referente nas enerxías limpas e poida converterse nun hub de hidróxeno verde.
O director xeral tamén destacou a participación da Consellería de Economía e Industria na liña de Fomento de Investigación desde a Demanda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que permitiu presentar un proxecto para a produción de hidróxeno verde a partir de auga de mar. Unha iniciativa que exemplifica un dos retos que establece a Xunta para ofrecer alternativas máis sustentables á hora de producir hidróxeno verde.
Fernández Vila tamén incidiu noutro dos retos nos que está a traballar o Goberno galego como é o impulso da cadea de valor da economía do hidróxeno verde e o desenvolvemento de tecnoloxía que permita fomentar procesos de produción máis eficientes, reducindo de xeito significativo o consumo enerxético e a formación de residuos contaminantes.
No acto, que reuniu a máis de 120 representantes de toda a cadea de valor, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas salientou a política da Xunta para favorecer unha implantación axeitada e ordenada dos proxectos estratéxicos no territorio coa introdución de figuras como a dos proxectos industriais estratéxicos, baixo a que se declararon diversas iniciativas vencelladas ao hidróxeno verde como H2Pole, Arteixo H2V ou o recentemente aprobado Triskelion de Forestal de Atlántico.