A Xunta instalará un sistema sostible de aerotermia no centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras

foto
A Xunta instalará un sistema sostible de aerotermia no centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras

O delegado territorial, Gabriel Alén, avanzou que este investimento licitado pola Consellería de Sanidade para o centro de saúde valdeorrés introducirá tamén enerxías renovables noutros 13 centros de saúde galegos

As actuacións enmárcanse nun acordo de colaboración entre o Sergas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e alíñanse coa Estratexia de Economía Circular
 

Ourense, 10 de agosto de 2023

A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación un lote de obras para introducir enerxías renovables nos centros de saúde galegos. Dentro do mesmo, está incluída a instalación dun sistema de aerotermia, no centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras, tal e como anunciaron hoxe o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, durante unha visita ás instalacións sanitarias.

O xerente da área sanitaria apuntou que este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.

“Estas actuacións correspóndense á aposta do Goberno galego polas enerxías renovables e a economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega”, sinalou o delegado territorial. A este respecto, Gabriel Alén lembrou que, o pasado mes de xuño, o Sergas aprobou tamén a súa Estratexia de Economía Circular que leva a política de redución de residuos, reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública, e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.

A aerotermia é considerada como unha enerxía de alta eficiencia que presenta un menor consumo que os sistemas de calefacción tradicionais, ademais de representar unha enerxía renovable e sostible que non require case de mantemento. Tamén a súa instalación é moi sinxela e limpa xa que non produce combustión nin xera fumes nin residuos polo que resulta máis segura e silenciosa o que redundará no beneficio tanto dos pacientes como dos profesionais do Centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras.

Últimas novas