A Xunta investirá máis de 150.000 euros na instalación dunha caldeira de biomasa no centro de saúde de Ordes

foto
A Xunta investirá máis de 150.000 euros na instalación dunha caldeira de biomasa no centro de saúde de Ordes

O delegado territorial, Gonzalo Trenor López, avanzou que este investimento se inclúe no contrato valorado en 1,5 M€ que a Consellería de Sanidade acaba de sacar a licitación e que introducirá enerxías renovables en 14 centros de saúde galegos 
 

As actuacións enmárcanse nun acordo de colaboración entre o Sergas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e alíñanse coa Estratexia de Economía Circular
 

Ordes (A Coruña), 8 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación un lote de obras para introducir enerxías renovables nos centros de saúde galego valorado en 1,5 M€. Dentro do mesmo está incluída a instalación dunha caldeira de biomasa por importe de 158.561 euros no centro de saúde de Ordes, tal e como anunciaron hoxe o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente do Área Sanitaria, Eloína Núñez Masid, durante unha visita ás instalacións sanitarias, acompañados polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo , o director de atención primaria da área compostelá, Felipe Calle e o xefe de servizo do centro, Jacobo Laia.

A xerente da Área Sanitaria apuntou que “este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos” o que “facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico”.

Destacou así mesmo, que supón un novo impulso dentro da aposta pola sustentabilidade da área sanitaria compostelá, recoñecida por organismos nacionais e que esta nova actuación suporá “un aforro de 20.000 l de consumo de gasóleo/ano a 0, o que significa unha redución das emisións de 57,36 toneladas de CO2, xa que a biomasa é neutra en emisións”.

“Estas actuacións correspóndense á aposta do Goberno galego polas enerxías renovables e a economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega”, sinalou Trenor. A este respecto, o delegado lembrou que o pasado mes de xuño o Sergas aprobou tamén a súa Estratexia de Economía Circular que leva a política de redución de residuos, reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.

Na súa visita ao centro de saúde ordense puideron comprobar o bo ritmo das obras de ampliación da unidade de Saúde Mental que o Sergas está a acometer e que suporán un investimento de máis de 436.000 euros, que permitirá a ampliación do centro de saúde, ocupando a cuberta aterrazada do PAC, que conta cunha superficie aproximada de 170 metros cadrados, para habilitar 5 consultas da área de saúde mental. “Esta actuación permitirá mellorar os servicio da unidade de saúde mental que se presta neste centro para toda a bisbarra desde o mes de maio de 2021 o optimizará o uso de todo o espazo dispoñible”, destacou a doutora Núñez.

Últimas novas