A Xunta lembra que o prazo para solicitar as axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica no sector residencial está aberto ata decembro
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o director do Inega, Pablo Fernández Vila, deron conta desta orde de axudas durante a visita a un veciño de Neda, beneficiario da pasada convocatoria
Lembran que está dirixida a particulares e comunidades de veciños e que se ten que solicitar a través das entidades colaboradoras adheridas a estas subvencións
Neda (A Coruña), 4 de novembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol e o director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vila, achegáronse esta mañá ao concello de Neda para supervisar o resultado da instalación de 12 paneis solares nunha vivenda particular da parroquia de Anca, beneficiaria das axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica no sector residencial en ámbitos non urbanos que convoca o Inega. Concretamente, o proxecto percibiu unha achega de 4.000 euros
A través desta liña de axudas que se conceden en réxime de concorrencia competitiva e que no pasado 2024 deixou máis de 30.300 euros en axudas en oito proxectos da área territorial, a Xunta busca incentivar a transformación da actividade na Comunidade autónoma cara unha economía baixa en emisións de carbono.
A delegada territorial explicou durante a visita que esta convocatoria, vén de abrir o prazo da convocatoria deste ano. Así, tanto particulares como comunidades de veciños dispoñen hasta o próximo 1 de decembro para solicitar, a través das entidades colaboradoras adheridas, estas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader).
A orde de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, está enmarcada dentro da Axenda Enerxética de Galicia 2030, que marca os obxectivos intermedios a finais desta década para acadar a neutralidade climática en 2050, e que conta para esta anualidade cun orzamento de 2 M€.