A Xunta outorga a condición de auga termal para uso lúdico ao manancial dos Baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade

Esta declaración é un requisito indispensable para que o Concello poida solicitar a condición de instalación de aproveitamento lúdico para este espazo
Prodúcese en virtude da Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia e logo de recibir a pasada semana o último informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España
Xustamente, a pasada semana o presidente da Xunta presentou o novo Plan de Turismo Termal como folla de ruta para afianzar Galicia como potencia no sector con máis de 10 M€ ata 2028
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 20 de xaneiro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, informou hoxe de que a Xunta de Galicia vén de declarar a condición de auga termal para uso lúdico ao manancial dos Baños de San Xusto, en Cerdedo-Cotobade.
O director xeral, acompañado polo alcalde, Jorge Cubela, visitou hoxe este enclave, onde indicou que esta declaración é un requisito indispensable para que o Concello poida solicitar o recoñecemento do aproveitamento lúdico para estas instalacións.
Segundo sinalou, prodúcese en virtude la Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia e logo de recibir a pasada semana o último informe do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.
Trátase dunha norma pioneira en Europa que se aprobou en 2019 para dar un marco normativo adecuado, tanto desde o punto de vista xurídico como sanitario, ás instalacións termais de uso lúdico que existen en Galicia e que supoñen un importante foco turístico en lugares como Salvaterra do Miño ou na provincia de Ourense.
Xustamente, a pasada semana o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou o novo Plan de Turismo Termal como folla de ruta para afianzar a comunidade como potencia no sector con máis de 10 M€ ata 2028. Galicia é a segunda rexión de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais e conta co 20% da oferta termal de toda España.