A Xunta participa na II edición do Premio Galicia Renovable que recoñece o talento universitario e pon en valor proxectos relacionados coa eficiencia e a transición enerxética
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, apostou por unha descarbonización gradual e destacou o modelo que está a desenvolver a Xunta baseado no binomio industria-enerxía para vincular o desenvolvemento industrial de Galicia ás enerxías renovables
A Coruña, 16 de outubro de 2024
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participou hoxe na II edición do Premio Galicia Renovable que recoñece o talento universitario e pon en valor os proxectos relacionados coa eficiencia e a transición enerxética.
Na súa intervención, Nicolás Vázquez, destacou o papel fundamental que teñen as universidades na promoción de talento neste ámbito e apostou por unha descarbonización gradual que permita ás empresas adaptarse aos novos requirimentos sen perder competitividade. Ademais, sinalou que se o obxectivo é descarbonizar a economía, Galicia precisa máis enerxía renovable.
Neste contexto, Nicolás Vázquez puxo en valor o modelo que está a desenvolver a Xunta baseado no binomio industria-enerxía co obxectivo de vincular o futuro desenvolvemento industrial en Galicia ás enerxías renovables e avogou por seguir apostando por proxectos de enerxías renovables para xerar riqueza no territorio. Un obxectivo que se enmarca na Lei de promoción dos beneficios socias e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia que se aprobará este mesmo mes no Parlamento galego. Con esta norma impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a Xunta confirma a súa aposta por desenvolver proxectos de aproveitamento que impulsen a industria ao mesmo tempo que aportan melloras á cidadanía galega e ás zonas nas que se implantan.