A Xunta participa no desenvolvemento dun corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade de hidróxeno renovable
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, intervén no acto divulgativo sobre o proxecto HI MOV na sede do Cetmar en Vigo
Incide na importancia de proxectos europeos como este que afonden nas aplicacións do hidróxeno e fomenten a cooperación entre territorios
Destaca a aposta da Xunta por un proceso de transición enerxética gradual e planificada que non deixe a ninguén atrás
Vigo, 15 de novembro de 2024
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá no acto divulgativo sobre o desenvolvemento dun corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade de hidróxeno renovable no que colabora o Goberno galego. O obxectivo desta iniciativa que leva por nome Hi MOV é o de impulsar en Galicia e Portugal unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde. O acto tivo lugar nas instalacións do Cetmar en Vigo e serviu para que os socios do proxecto compartiran experiencias e propostas.
Durante a súa intervención, Fernández Vila incidiu na importancia de proxectos europeos como HI MOV que afonden no coñecemento das aplicacións do hidróxeno e fomenten a cooperación entre territorios. Por engadido, destacou que proxectos como este son esenciais ao impulsar a cadea de valor arredor da tecnoloxía, permitindo que Galicia siga a ser un referente na mobilidade de enerxías limpas.
O director xeral tamén puxo en valor a visión da Xunta sobre o proceso de transición enerxética e neutralidade tecnolóxica. Por unha banda, apuntou a unha transición gradual e planificada que non deixe a ninguén atrás. E, pola outra, se referiu a unha aposta que non debe pasar única e exclusivamente pola electrificación, xa que, aínda que xoga un papel fundamental, non pode impedir visualizar a importancia doutras tecnoloxías coma o biogás, o biometano ou o propio hidróxeno.
Nesta liña, amosou a relevancia dos proxectos de hidróxeno verde para o Goberno galego en diferentes eidos. Así, sinalou a participación da Consellería de Economía e Industria na liña de Fomento de Investigación desde a Demanda do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que permitiu presentar un proxecto para a produción de hidróxeno verde a partir de auga de mar. Un proxecto que exemplifica os retos que establece a Xunta para ofrecer alternativas máis sustentables á hora de producir hidróxeno verde.
Ao tempo, Pablo Fernández Vila tamén subliñou que entre outros desafíos, o Goberno galego busca o impulso da cadea de valor da economía do hidróxeno verde e o desenvolvemento de tecnoloxía que permita impulsar procesos de produción máis eficientes, reducindo significativamente o consumo enerxético e a formación de residuos contaminantes.
Finalmente, Pablo Fernández Vila agradeceu a colaboración de todas as entidades que participan no proxecto. Ademais da coordinación do CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), están implicados outros tres centros tecnolóxicos como EnergyLab, PIEP e CEiiA e as universidades de Santiago de Compostela, Minho e Porto. Por engadido, tamén colaboran a GNP, a AECT, a empresa Petrotec e a Consellería de Economía e Industria a través do Inega (Instituto Enerxético de Galicia).