A Xunta participa nunhas xornadas co Goberno británico para coñecer as boas praxes no desenvolvemento da eólica mariña no Reino Unido
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa en Reino Unido nunha rolda de encontros con empresas do sector interesadas en asentarse en España e visita o parque Kincardine Offshore Wind Farm, en Aberdeen
Aberdeen (Reino Unido), 7 de outubro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participa estes días en Reino Unido nunhas xornadas sobre eólica mariña impulsadas pola embaixada británica en España. No encontro, participan, ademais do Goberno galego, representantes do Executivo central e doutras comunidades autónomas, como Cataluña ou Canarias, e firmas como Navantia. O programa de hoxe incluiu una visita ao parque eólico mariño Kincardine Offshore Wind Farm, emprazado na costa escocesa de Aberdeen, quince quilómetros mar adentro.
Estes encontros están a servir para coñecer o modelo de xestión do Goberno británico no eido da eólica mariña no que respecta a planificación, regulamentación ambiental ou a integración dos beneficios sociais derivados destes proxectos na sociedade, entre outros, e que permitirán a todos os asistentes aprender das boas prácticas co propósito de implementalas en España, en xeral, e en Galicia en particular. Neste sentido, Fernández Vila insistiu na postura que a Administración galega vén defendendo desde hai tempo e que aposta pola coexistencia e compatibilidade do desenvolvemento deste sector co medio mariño e coas actividades existentes.
Neste contexto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou o interese de Galicia por participar na primeira poxa de megavatios de eólica mariña que se convoquen en España para, como apuntou, “non perder a oportunidade de posicionarnos á vangarda desta tecnoloxía e converter este sector nunha industria tractora de toda a cadea de valor, que atraia riqueza e xere novos postos de traballo”. E, ao fío, Fernández Vila explicou que as xornadas están a servir tamén para intensificar os contactos con empresas do sector interesadas en desenvolver proxectos de eólica mariña en España “o que é unha mostra máis – indicou – das posibilidades que temos e da necesidade de desenvolvelo canto antes”.
O director xeral de Planificación Enerxética lamentou que España leve case tres anos de atraso na folla de ruta do desenvolvemento da eólica mariña, logo de que en 2023 se aprobaran ao Plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) e, posteriormente, o decreto que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de instalacións situadas no mar, e insistiu na necesidade de apoiar os proxectos experimentais neste eido, tal e como se encargou de trasladarlles aos responsables do Goberno central.