A Xunta pon en marcha a repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, que permitirá a retirada de 800 muíños da paisaxe galega

Deses 25 parques con máis de 25 anos de antigüidade, cinco xa se están repotenciando de forma voluntaria, e os 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto
No caso do parque eólico de Zas, que promove EDP, coa repotenciación pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a 10 de 2.400 KW, e duplicou a produción de enerxía de 52,8 GWh/ano a máis de 100 GWh/ano, que equivale ao consumo eléctrico de 30.000 fogares
Insiste na importancia de seguir traballando no novo Plan Eólico de Galicia e en que as medidas que a Xunta está implantando “redunden en máis industria e máis emprego” e permitan abaratar a factura eléctrica dos galegos e galegas
Zas (A Coruña), 18 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que a repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, que quedan reducidos a unha media de 120.
Lorenzana visitou hoxe en Zas (A Coruña) un dos cinco parques eólicos que hai actualmente en Galicia xa repotenciados. Os restantes están todos na provincia da Coruña: en Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II).
“En Galicia, nos vindeiros anos, vaise aumentar a cantidade de parques eólicos repotenciados de xeito significativo”, dixo a conselleira de acordo á Lei de medidas fiscais e administrativas, que establece que aqueles parques eólicos cunha antigüidade de máis de 25 anos van ter a obriga de repotenciarse. Deses 25 parques, cinco xa o están a facer de forma voluntaria, e os 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto.
No caso do parque eólico de Zas, que promove EDP, coa repotenciación pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a 10 de 2.400 KW, e duplicou a produción de enerxía de 52,8 GWh/ano a máis de 100 GWh/ano, que equivale ao consumo eléctrico de 30.000 fogares. É dicir, coa mesma potencia instalada, 24 MW, ao ser máquinas máis eficientes, conseguen un rendemento que pasa das 2.200 horas de funcionamento —a cifra media dun parque normal— a máis de 4.000.
A maior produción eléctrica provén da eólica
Á espera de coñecer os datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh). A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %.
Lorenzana concluíu insistindo na importancia de seguir traballando no novo Plan Eólico de Galicia e de que as medidas que a Xunta está implantando “redunden en máis industria e máis emprego”, e axuden a aumentar a porcentaxe de enerxía renovable que é o que vai permitir acadar os obxectivos de descarbonización e á súa vez abaratar a factura eléctrica dos galegos das galegas.