A Xunta pon en valor o papel das comunidades enerxéticas locais na loita contra as desigualdades e a pobreza enerxética

A Xunta pon en valor o papel das comunidades enerxéticas locais na loita contra as desigualdades e a pobreza enerxética

Apunta o papel das administracións para por a disposición da cidadanía as ferramentas necesarias para afrontar a transición enerxética e fomentar a aposta por solucións innovadoras no marco da Axenda Enerxética de Galicia 2030

Lembra que o Goberno galego dispón de varias liñas de axuda para favorecer o aforro enerxético e reducir a pegada de carbono, como a propia liña para a mellora da planificación enerxética de concellos e comunidades enerxéticas ou o programa para a mobilidade eléctrica MOVES III

Barro (Pontevedra), 10 de setembro de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou esta tarde na mesa redonda Políticas públicas, regulamento e implicacións económicas, no marco do Congreso sobre Comunidades Enerxéticas celebrado no Centro de Servicios e Apoio industrial do Polígono empresarial de Barro en Pontevedra. Alí debullou a aposta do Goberno galego por incentivar a eficiencia enerxética en todos os sectores e destacou o papel a xogar polas comunidades enerxéticas locais para paliar as desigualdades e loitar contra a pobreza enerxética.

Fernández Vila apuntou que no camiño cara á descarbonización da economía, a implantación das comunidades enerxéticas locais pode resultar fundamental. Este modelo de cooperación no que se fomenta o autoconsumo a partir de fontes de enerxía renovables é, a xuízo do director xeral, un piar fundamental para paliar as desigualdades da poboación no camiño cara á transición enerxética e na loita contra a pobreza enerxética.

Neste contexto, Pablo Fernández apuntou o papel que deben xogar as administracións para liderar este cambio tanto a través da adopción dun papel exemplarizante, como poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas precisas para afrontar a descarbonización e fomentar a aposta por modelos enerxéticos máis verdes e sustentables. 

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas lembrou que para avanzar nestes obxectivos, o Goberno galego conta con varias liñas de apoio entre as que citou o programa de planificación enerxética destinada a entidades locais e comunidades enerxéticas, que prevé mobilizar máis dun millón de euros e cuxo prazo de solicitude rematou o pasado 15 de maio; ou a liña para desenvolver proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial en ámbitos non urbanos. E no eido da mobilidade, se referiu aos Plan Renova o teu vehículo, que leva mobilizados máis de 32 millóns de euros na súa última convocatoria e da que aínda quedan fondos dispoñibles para vehículos comerciais, ou o Plan MOVES III-2025, cuxo prazo de presentación permanecerá aberto ata o 31 de decembro.

Finalmente Fernández Vila lembrou que a Xunta conta coa Axenda Enerxética de Galicia 2030, folla de ruta do Goberno galego para avanzar no uso e aproveitamento das fontes de enerxía renovables. 

Últimas novas