A Xunta presenta as novas edicións de ‘Expomunicipal 2026’ e ‘Enerxétika’ que achegarán solucións para prestar servizos municipais de calidade ás entidades locais e as últimas innovacións no ámbito da enerxía
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vilas, presentaron xunto co director da Fundación Semana Verde Galicia, Ricardo Durán, ambas feiras que se celebran esta semana no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda
Reunirán en conxunto nunha superficie de máis de 7.700 metros cadrados netos 475 firmas expositoras dunha vintena de países representadas por 167 expositores directos e cun amplo programa de actividades con máis de 70 conferencias incluídas nunha trintena xornadas e foros, así como unha gran área divulgativa con talleres e demostracións
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas e director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Pablo Fernández Vilas, e o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, presentaron esta mañá a segunda edición da Feira galega de servizos municipais, ExpoMunicipal 2026, e a quinta da Feira da enerxía Enerxétika que se celebrará esta semana. Ao acto tamén asistiu o vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Ángel Moldes.
A dobre cita desenvolverase do mércores 25 ata o venres 27 de marzo, no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda coa participación de ata 475 firmas expositoras dunha vintena de países representadas por 167 expositores directos nunha superficie de máis de 7.700 metros cadrados netos e cun programa de actividades con máis de 70 conferencias incluídas nunha trintena xornadas e foros, así como unha gran área divulgativa e talleres e demostracións de produtos e servizos.
Os eventos amosarán as últimas tecnoloxías, produtos e servizos máis eficientes que calquera entidade local poida necesitar para a súa xestión municipal e a prestación dos seus servizos, así como un espazo de converxencia entre empresas, institucións, profesionais e consumidores para medir a transformación do sector da enerxía.
Por unha parte, no que se refire a ExpoMunicipal, Natalia Prieto destacou que nesta nova edición preténdese dar resposta ás necesidades e retos das entidades locais ante o escenario actual co obxectivo de acadar “espazos máis sostibles, eficientes, accesibles, seguros e verdes”. Deste xeito, na área expositiva daranse a coñecer aos xestores municipais -corporacións municipais, empresas de servizos e tecnolóxicas, técnicos municipais, aparelladores e arquitectos, profesionais de enxeñaría ou consultaría- todas as solucións e últimas innovacións que permitan aos concellos planificar os seus investimentos e ofrecer servizos municipais de calidade.
Nunha superficie de máis de 4.100 metros cadrados netos con 68 expositores de catro países que representan a 239 firmas expositoras de 18 países estarán representados sectores relacionados co mobiliario urbano, limpeza, ciclo da auga, xestión e tratamento de residuos, medio ambiente, enerxías alternativas, obra pública, sinalización, xardinería e paisaxismo, cubertas vexetais, mobilidade urbana, control de acceso a instalacións deportivas e de ocio, iluminación, xestión cultural, concesionarias, aluguer e venda de maquinaria, organización de tráfico, servizos loxísticos para eventos, seguridade e emerxencias, control de pragas, empresas certificadoras ou consultarías, entre outros.
Esta edición -como explicou a directora xeral- céntrase na xestión e aproveitamento dos espazos verdes dos municipios. Por iso, ademais da área expositiva, ExpoMunicipal 2026 será un foro de reflexión e debate sobre temas de actualidade no ámbito da xestión municipal, a través dun amplo programa de xornadas, talleres e demostracións.
A programación conta con varias xornadas da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) sobre asuntos como a elección de arboredo público, a transición de maquinaria de xardinería de combustión a eléctrica de batería e a xestión municipal de residuos verdes. Ademais, prevese outras xornadas como a organizada por Cogami Empresarial sobre o papel dos hortos urbanos, a da empresa Uretek sobre intervención xeotécnicas con inxeccións de resinas, a de Zerovelutina sobre trampeo avanzado contra a vespa velutina ou a da entidade Aucatel pola Entidade de Certificación de Conformidade Municipal (Eccom).
Por parte da Xunta, a directora xeral de Administración Local participará o xoves 26 ás 11,30 horas nunha xornada técnica sobre as liñas que desde este departamento se destinan ás entidades locais, entre elas unha nova orde de 1 millón de euros cofinanciada con fondos europeos para a adquisición de maquinaria vinculada á prevención de incendios forestais. Ese mesmo día, ás 12,30 horas, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abordará os plans locais de economía social e, en concreto, os proxectos piloto en Baiona e Ribadavia. Outra das xornadas técnicas prevista para o venres ás 10,30 horas está organizada entre Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto Enerxético de Galicia sobre os certificados de aforro enerxético no sector municipal.
Ademais, a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) organiza un encontro coas entidades locais para explicarlles a preparación que está a recibir o alumnado da 18ª promoción de Policía Local que se forma na Academia. Cómpre aclarar que desta promoción forman parte os aspirantes que superaron os procesos selectivos unitarios de Policía Local mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego.
A programación complétase cos talleres Reencantarnos coa noite, organizados pola asociación Slowlight, no marco dun proxecto pedagóxico para concienciar aos nenos e nenas sobre a importancia do uso responsable da iluminación artificial nocturna, o que reflicte o compromiso da feira coa educación e a conciencia ecolóxica.
Por outra parte, no que se refire á Feira Enerxétika 2026, o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais destacou a súa importancia tanto para o sector como para a cidadanía. Así, no momento actual a enerxía e protagonista por cuestións como o apagamento de abril de 2025, a transición cara unha economía descarbonizada “onde as renovables teñen que xogar un papel fundamental”, subliñou Fernández Vila, ou a implantación dos sistema de certificados de aforro enerxético (CAE) “que permiten monetizar todas as actuacións de eficiencia enerxética e obter un rendemento económico", lembrou.
Enerxétika 2026 ocupa unha superficie de 3.612 metros cadrados nos que se darán cita 99 expositores de cinco países (España, Portugal, Francia, Italia e Alemaña) que representan 236 firmas expositoras de 17 países. A feira inclúe un programa de conferencias orientadas tanto a profesionais como ao estudantado e consumidores en xeral. Celebraranse un total de 40 conferencias, nas que participarán máis de 70 expertos.
A edición deste ano volve contar co Salón da Innovación (SIE), un espazo no que se poñerán en valor proxectos innovadores no ámbito da sustentabilidade, a eficiencia enerxética e as enerxías renovables. Nesta ocasión acollerá a presentación dos 13 proxectos seleccionados por un xurado independente formado por profesionais de prestixio con propostas tan diversas como sistemas automáticos de detección e extinción de incendios para cadros eléctricos e paneis críticos; tecnoloxías avanzadas para producir biometano a partir de biomasas residuais e mesmo unha plataforma dixital para reducir gastos de enerxía, tanto en fogares como negocios, entre outros.
Unha grande área divulgativa promovida por Sotavento co apoio do Inega -onde se aborda a eficiencia enerxética e os diferentes tipos de enerxía que existe- e talleres dirixidos a escolares de Educación Secundaria e Bacharelato desenvolvidos pola Fundación Naturgy, completan a oferta da Feira Enerxétika 2026.