A Xunta reclama ao Estado un marco común e ben definido que asegure o despregamento dos proxectos de almacenamento enerxético
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou en Valladolid nunha nova edición do Aepibal Day, un dos maiores foros a nivel estatal sobre o sector, onde destacou a necesidade de unificar criterios e potenciar un recurso fundamental para a estabilidade do sistema eléctrico
Valladolid, 26 de novembro de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe a necesidade de definir con “criterios claros e contrastados” o marco normativo que regula os sistemas de almacenamento enerxético, do mesmo xeito que se fai coas liñas eléctricas, ás que a lei recoñece a súa utilidade pública ou interese social. “O sector necesita uniformidade de criterios e as administracións tamén”, insistiu Fernández Vila no transcurso da mesa redonda As comunidades autónomas e o despregamento do almacenamento, que se celebrou hoxe en Valladolid no marco do Aepibal Day, un dos maiores foros a nivel estatal sobre o sector.
Fernández Vila lembrou que os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica. Nese senso, o director xeral lembrou que na comunidade actualmente hai 37 proxectos deste tipo en tramitación, que representan unha potencia de algo mais de 404 MW e que, no caso de Galicia, si contan cunha seguridade normativa para a súa implantación.
“As instalacións de almacenamento que directa ou indirectamente estean conectadas ás redes de transporte e distribución por si mesmas ou hibridadas, na nosa comunidade, teñen o mesmo tratamento que as instalacións de xeración de electricidade”, subliñou Pablo Fernández, ao tempo que insistiu na necesidade de contar cunha normativa básica que “aposte claramente polo almacenamento e que nos proporcione maior seguridade xurídica a todos, promotores e administracións”.