A Xunta reclama ao Goberno que faga públicos os datos de investimento por comunidades autónomas en novas actuacións da rede eléctrica
A conselleira de Economía e Industria participou hoxe na Conferencia sectorial de Enerxía, onde avanzou tamén que o Goberno galego presentará este mes alegacións ao borrador da planificación da rede eléctrica
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe ao Goberno central que modifique a Lei do sector eléctrico para dar resposta ás necesidades da industria en Galicia, no transcurso da Conferencia Sectorial de Enerxía convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Na reunión, realizada por videoconferencia, Lorenzana aproveitou para avanzar que a Xunta presentará este mes as alegacións ao borrador da planificación da rede eléctrica deseñada polo Goberno central ao considerar que as actuacións que propón non se axustan ás zonas onde hai demanda por parte do sector industrial, como é o caso de Lugo, que queda sen ningún reforzo no centro da provincia.
En termos de investimento, Lorenzana tamén solicitou que, por transparencia, nos próximos días o ministerio faga públicos os datos por comunidades autónomas en novas operacións non incluídas en anteriores planificacións, xa que considerou que, no caso de Galicia, son moi limitadas.
Tal e como recordou, dun total de 13.122 millóns de euros, á comunidade galega tan só lle corresponderían en torno a 350 millóns de euros, un 2,7%, pese a que a achega galega ao PIB sitúase en torno ao 5,2%, e ademais, moitas das actuacións incluídas nas propostas son herdadas de plans anteriores.
Galicia solicitou máis de 8.000 MW de capacidade para poder atender as necesidades enerxéticas das iniciativas industriais proxectadas pero o borrador tan só contempla algo menos de 2.000 MW (1.899).