A Xunta reclama ao Goberno a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra as medidas de repotenciación de Galicia

A Xunta reclama ao Goberno a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra as medidas de repotenciación de Galicia

Cualifica de “fraude aos galegos” o novo decreto aprobado hoxe polo Consello de Ministros que regula as repotenciacións de parques eólicos en España

Considera “unha irresponsabilidade absoluta” que o Goberno aprobe agora esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” por este motivo

“É unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade do Goberno coas comunidades autónomas”, di

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou hoxe de “fraude aos galegos” o novo decreto aprobado hoxe polo Consello de Ministros que regula as repotenciacións de parques eólicos en España e reclamou a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a normativa galega.

Lorenzana considerou “unha irresponsabilidade absoluta” que o Goberno aprobe agora esta norma cando hai poucas semanas presentou un recurso de inconstitucionalidade “contra Galicia” por este motivo. “Cunha man, o Consello de Ministros aprobaba hai nada presentar un recurso de inconstitucionalidade contra Galicia e, agora mesmo, coa outra man, hoxe aproba a mesma norma regulando a repotenciación obrigatoria dos parques eólicos de España”, dixo.

“Levamos tempo dicindo que o recurso de inconstitucionalidade que interpuxo o Goberno contra as medidas da nova política eólica da Xunta non favorece nin á industria de Galicia, nin ao noso desenvolvemento enerxético nin, por suposto, tampouco aos fogares, ás familias e ás industrias galegas en canto a que teremos menos enerxía para poder abaratar a factura da luz dos galegos e teremos máis impacto no territorio”, abondou.

Segundo dixo, “agora demóstrase que, efectivamente, era un recurso de inconstitucionalidade do señor Sánchez contra Galicia” porque o que regula a Xunta é inconstitucional, mentres que o Consello de Ministros pode regulalo para toda España. Lorenzana criticou a “dobre moral” do Goberno e asegurou que “é unha mostra máis da falta de rigor e de responsabilidade que ten coas comunidades autónomas”, concluíu.

Últimas novas