A Xunta resalta o compromiso do sector dos áridos en Galicia coa sustentabilidade, a xeración de riqueza e emprego e a dinamización do rural

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal)
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou hoxe o compromiso do sector dos áridos en Galicia coa sustentabilidade, a xeración de riqueza e emprego e a dinamización do rural galego.
Fernández Vila, xunto coa directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe en Santiago na Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal) onde explicou que os novos proxectos teñen que camiñar pola senda da innovación e a modernización tecnolóxica, da economía circular e dunha minería sustentable.
Durante a súa intervención, cualificou a minaría como un sector esencial para a economía galega porque proporciona materias primas a moitos dos sectores considerados fundamentais neste momento: as enerxías renovables, a automoción, a aeronáutica, o turismo, a construción ou a enxeñaría civil. De feito, apuntou, que segundo os últimos datos da estatística mineira publicados o pasado mes de febreiro, “o prezo medio da tonelada de árido en Galicia chegou ao 6,77 euros no 2023 fronte aos 6,72 euros do ano anterior”.
Por outra banda, o director xeral sinalou que a aplicación efectiva do principio de desenvolvemento sustentable no ámbito da minería “é un obxectivo primordial para a Xunta e para Arigal” e constitúe o marco no que deben desenvolverse as políticas públicas para este sector, de conformidade coa Axenda 2030, cos obxectivos da Unión Europea, e coa Axenda de Impulso de Minería Sostible de Galicia 2030.
Finalmente, puxo en valor a importancia da colaboración público-privada así como o papel que xoga Arigal na defensa dos colectivos das empresas que se dedican á transformación industrial, a fabricación e a comercialización de áridos.