A Xunta sinala que a falta de infraestrutura eléctrica está a ser un freo para a descarbonización da industria

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu hoxe na inauguración da xornada Descarbonización e economía circular na industria, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)
“O papel aguántao todo, pero os obxectivos fixados polo Estado no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 son inalcanzables coas infraestruturas actuais”, incide
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2025
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, sinalou hoxe que a falta de infraestrutura eléctrica está a ser un freo para evacuar a enerxía renovable que Galicia estaría en disposición de xerar e para dar resposta ás necesidades de interconexión dos novo proxectos industriais.
Nicolás Vázquez interveu hoxe na xornada Descarbonización e economía circular na industria, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde volveu chamar a atención sobre a necesidade de que o Goberno reforce a rede de transporte de enerxía eléctrica en España.
“O papel aguántao todo, pero os obxectivos fixados polo Estado no Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 son inalcanzables coas infraestruturas actuais”, incidiu o secretario xeral de Industria, quen avogou, tamén, por dar tempo ao tecido empresarial e ao sector industrial para adaptarse e evitar, así, unha transición enerxética abrupta. “Estanse pedindo unhas adaptacións ás empresas e ás industrias que son complicadas de alcanzar”, remarcou.
Na súa intervención fixo referencia, ademais, á necesidade de seguir incrementando a porcentaxe de renovables e de facer pedagoxía para mellorar a percepción social destas tecnoloxías. Ao respecto, indicou que “Galicia ten a sorte de contar cun elevado potencial de enerxías renovables aínda que vemos con preocupación a situación que se está a dar coa oposición irracional dalgúns grupos políticos e colectivos”.
Finalmente, a nivel da Unión Europea, Nicolás Vázquez, avogou por que se flexibilicen as normas de axuda para pemes e grandes empresas e por que se siga centralizando nas comunidades autónomas a xestión dos fondos comunitarios.