A Xunta sitúa á industria galega á vangarda da descarbonización de Europa na nova edición da feira Enerxétika 2026
O evento acolleu a segunda xornada sobre os Certificados de Aforro Enerxético (CAEs) e a celebración do VI Foro da Biomasa galega, no que participaron o director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro
Fernández Vila apuntou o crecemento que están experimentando os CAEs en Galicia, con máis de 130 actuacións tan só no mes de febreiro, un sistema que “pode converterse nun aliado de primeiro orde ao transformar a eficiencia enerxética en rendibilidade económica”
Pola súa banda, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, puxo en valor neste foro a figura das agrupacións forestais de xestión conxunta creadas pola Xunta para impulsar a sustentabilidade económica, ambiental e social do monte galego
Silleda (Pontevedra), 26 de marzo de 2026
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, coincidiron esta mañá en destacar a implicación da industria galega na transición cara unha economía verde e sustentable, que permite situar a Galicia á vangarda de Europa nos procesos de descarbonización industrial gracias á xeración de enerxía con fontes renovables como a biomasa ou á implantación de novidosos sistemas de eficiencia enerxética como son os sistemas baseados nos Certificados de Aforro Enerxético (CAEs).
O director xeral de Planificación Enerxética participou na segunda xornada do programa dedicado aos CAEs, onde subliñou o crecemento exponencial que está a rexistrar este sistema nos últimos tempos. Desde que se creou o sistema CAE, en Galicia recibíronse 215 solicitudes para a realización de 609 actuacións, das que máis de 130 correspóndense coas que se realizaron no mes de febreiro. En total, as solicitudes recibidas representan un aforro de 750 GWh.
O sistema CAEs baséase na acreditación mediante un documento electrónico da consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. Para iso, incentívase o investimento en tecnoloxías eficientes, a redución dos custes para os consumidores e o fomento da innovación, ao tempo que se xeran beneficios sociais e económicos ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e se promove un sector empresarial máis competitivo.
“Integrar a eficiencia enerxética na nosa estratexia aproveitando a panca que poden ser os CAEs é unha oportunidade para poñer en valor que a industria galega é sinónimo de calidade e un exemplo de sustentabilidade”, subliñou Fernández Vila ao tempo que apuntou que este sistema pode converterse nun aliado de primeiro orde ao transformar a eficiencia enerxética en rendibilidade económica”.
Foro da biomasa
Fernández Vila tamén foi o encargado de inaugurar o VI Foro da Biomasa de Galicia, organizado polo Clúster da Biomasa. Durante a súa intervención destacou as oportunidades que ofrece o monte galego. “Galicia posúe unha das maiores reservas de biomasa forestal de Europa –destacou– e o monte non é só parte da nosa identidade visual, senón que pode tamén ser motor da nosa autosuficiencia enerxética e sustentabilidade”.
O director de Planificación Enerxética e Minas tamén se referiu aos bos datos que rexistra o sector da biomasa en Galicia: 218.000 fogares empregan este elemento como fonte de enerxía, dos que 161.000 localízanse no rural e 57.000 en fogares urbanos. Así mesmo, o 5,1 % (96 de 1.893) dos colexios e o 21,6 % (63 de 292) das residencias de maiores contan con caldeiras de biomasa, porcentaxes en ambos casos elevadas en relación co resto de España.
Pablo Fernández rematou a súa intervención asegurando que o éxito da biomasa no proceso de transición enerxética “dependerá da nosa capacidade para innovar e para comunicar á sociedade que consumir biomasa galega é investir na seguridade e na riqueza de todos os galegos”.
Neste foro tamén participou a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, quen puxo en valor as agrupacións forestais de xestión conxunta creadas pola Xunta como ferramentas útiles para promover a rendibilidade da actividade silvícola, así como para acadar outros obxectivos en relación co fomento da xestión sostible do monte desde o punto de vista económico, ambiental e social.
Na súa intervención nunha mesa redonda sobre Aproveitamento e xestión das masas forestais de Galicia, Piñeiro salientou o esforzo orzamentario de Medio Rural para impulsar estas agrupacións, cunha liña de axudas que para os anos 2026 e 2027 chega aos 2,1 millóns de euros, un 50 % máis que na convocatoria anterior. Asemade, lembrou que actualmente xa hai 24 entidades deste tipo rexistradas en Galicia, con arredor de 5.000 hectáreas agrupadas, e avanzou que o obxectivo é consolidar proximamente máis de 60, superando as 7.000 hectáreas.