A Xunta subliña a importancia das infraestruturas hidroeléctricas no mix enerxético e destaca o potencial de Galicia neste eido

A Xunta subliña a importancia das infraestruturas hidroeléctricas no mix enerxético e destaca o potencial de Galicia neste eido

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou no XI Encontro de Engenheria Civil Norte Portugal-Galicia, onde lembrou que a galega foi a primeira comunidade do Estado que máis electricidade hidráulica xerou nos últimos anos

Vila Real (Portugal), 11 de xullo de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe na localidade portuguesa de Vila Real que en Galicia case o 85% da enerxía eléctrica xerada procede de fontes renovables, principalmente da hidráulica, polo que animou a aproveitar estas boas cifras para seguir mellorando as infraestruturas hidroeléctricas e dotar de maior estabilidade ao mix enerxético.

Fernández Vila, participou no XI Encontro de Engenheria Civil Norte Portugal-Galicia onde puxo en valor que a Comunidade galega foi a primeira rexión do Estado en xeración de enerxía eléctrica a través do aproveitamento da auga nos últimos dous anos. “Un potencial – dixo- que  estamos a incentivar a través da nova Lei de Recursos Naturais e do respaldo a aqueles proxectos que facilitan unha maior penetración das enerxías renovables no mix enerxético”. O representante da Xunta se referiu concretamente á oportunidade que ofrecen as centrais de bombeo hidráulico tanto desde o punto de vista técnico, ao achegar estabilidade ao sistema, como desde o punto de vista económico, ao combater tanto os períodos de prezo cero como aqueles con picos máis elevados.

Finalmente, Fernández Vila lembrou os importantes avances que está a acometer a Xunta no campo da eficiencia enerxética para cumprir cos obxectivos fixados na Axenda Enerxética de Galicia 2030, tanto no eido da redución da pegada de carbono como na implementación das enerxías renovables na xeración de enerxía eléctrica e que son “moi necesarios para facer un uso máis eficientes dos nosos recursos”, sinalou.

Últimas novas